A iniciativa da CIG para a creación dun sistema público galego de atención ás persoas chega a debate do Parlamento

A central convoca unha concentración o mércores 9 de febreiro ás 11h no Pazo do Hórreo

O Pleno do Parlamento Galego debaterá e votará a vindeira semana a Proposta Non de Lei de Iniciativa Popular promovida pola CIG pola que se insta á Xunta de Galiza á creación dun sistema público galego de atención ás persoas. Con tal motivo, a central nacionalista vai realizar unha concentración diante do Pazo do Hórreo, o mércores día 9 de febreiro, ás 11 horas, para visibilizar a necesidade de pór os coidados no centros políticas públicas, que se deixen de mercantilizar e que se dignifiquen as condicións laborais.

Para avalar esta proposta, a CIG presentou un total de 15.199 sinaturas, seis veces máis das necesarias para este tipo de iniciativas, o que constata a preocupación das galegas e galegos por contar cun sistema público de coidados no que se garanta unha prestación integral dos servizos para unha poboación cada vez máis avellentada e unhas condicións laborais dignas para as persoas que as prestan.

A PNL foi recollida polo grupo parlamentar do BNG, e será esta formación quen a defenda na cámara galega, seguindo o establecido no regulamento para esta modalidade de iniciativas populares. Que saia adiante ou non depende de que haxa vontade política para poñer fin ás políticas de privatización  dos servizos públicos e para recoñecer o labor social e dignificar as condicións de traballo neste sector.

Unha rede 100% pública ao servizo das necesidades das persoas

Precisamente, a pandemia da COVID-19 visibilizou a importancia e o carácter esencial dos coidados e deixou ao descuberto, non só o insuficiente investimento público destinado aos servizos de atención das persoas, senón tamén as perversións do modelo de xestión privada instaurado polo PP desde o Goberno da Xunta de Galiza. Un modelo que concibe as necesidades asistenciais como un negocio que basea os seus beneficios na precarización das condicións laborais das traballadoras e traballadores que desenvolven estas tarefas.

Diante desta situación a CIG defende a necesidade de que se articule un Sistema Público de Atención ás Persoas que integre as residencias da terceira idade, centros de día, de atención á discapacidade, axuda no fogar ou servizos como as Casas Niño, Casas da/o Maior, Xantar na Casa etc. Unha rede única de xestión, 100% pública, dotada suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos necesarios.

Necesidade de dignificar as condicións laborais e valorizar as tarefas de coidados

Ademais, cómpre dignificar de inmediato as condicións laborais e salariais de todo o persoal que presta estes servizos, coa aplicación do mesmo convenio colectivo. Non se poden consentir que na atención dos servizos básicos para a cidadanía, o persoal, maioritariamente mulleres, estea padecendo unhas condicións de auténtica precariedade e explotación con convenios sen renovar dende hai anos, mentres as empresas privadas obteñen millonarios beneficios.

Tal é o caso do convenio de axuda no fogar (sen actualizar dende o ano 2012 porque a patronal se disolveu pensando que así deixaría sen efecto o marco regulador galego) ou o convenio galego de residencias privadas (sen actualizar dende 2018 e coa patronal facendo propostas irrisorias a pesar do sobreesforzo realizado polo persoal durante a pandemia).

Integrar todos os servizos na mesma rede pública e negociar un convenio único coa administración galega evitaría situacións como as descritas, garantindo unhas condicións dignas e equiparadas, rachando así coas desigualdades que agora padecen as traballadoras en función de se están nun servizo público, privado ou de xestión privatizada. Ademais de redundar nunha mellora obvia das condicións laborais e salariais tamén redundaría na mellora da calidade que se presta ás persoas usuarias destes servizos.

Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade socialmente pouco valorada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerados servizos esenciais para a cidadanía a prestar pola Administración Pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estables para o persoal encargado dos coidados.

Volver