A inauguración do curso universitario na Coruña acolleu unha nova concentración contra os recortes

Anxo Louzao advirte da “covardía” de Feijóo que finalmente non asistiu ao acto

As protestas contra os recortes trasladáronse hoxe á inauguración do curso universitario no paraninfo da Universidade da Coruña cunha concentración de alumando e profesorado na que participou a CIG-Ensino. Neste acto, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou que a política educativa do PP pon en perigo o mantemento do ensino como servizo público universal.

Anxo Louzao referiuse tamén á “covardía” do presidente da Xunta de Galiza, que finalmente non acudiu ao acto no que si estivo o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. “Non é capaz de enfrontarse a unha situación como esta, na que a cidadanía amosa o rexeitamento a súa política”, dixo.

“Medidas como a suba das taxas universitarias, con prezos desorbitados, ou a redución das bolsas provocarán que o acceso aos estudos universitarios para as clases populares e familias con menos recursos sexa case que imposible nun futuro inmediato”, engadiu Anxo Louzao.

Para a CIG-Ensino, nestes tres anos de Goberno, o PP amosou que o seu obxectivo é reforzar o ensino público concertado en detrimento do público, no que se suprimen unidades e profesorado, ata 2.500 na Lexislatura. No acto, Anxo Louzao lembrou que para este curso 2012-2013 os centros contará ademais con menos recursos e aulas masificadas que irán en detrimento da calidade.

As protestas contra os recortes continuarán o próximo luns 10 de setembro ás 11:00 horas, diante da Consellaría de Educación, en San Caetano, para denunciar a destrución de emprego público e a redución de dereitos laborais que afectan de xeito especial ao profesorado interino e substituto.

Volver