A folga xeral tamén é un folga docente laboral!
A CIG-Ensino chama o profesorado galego a secundar mañá a folga xeral e a asistir masivamente ás manifestacións convocadas en 17 vilas galegas para defender os servizos públicos e reclamar melloras laborais e salariais
O persoal docente non é alleo á suba da carestía da vida nos últimos anos. De feito é un colectivo no que agromou con forza a precariedade, sobre todo co incremento das medias xornadas e o empeoramento das condicións do persoal interino e substituto. Un salario público xa non garante poder ter unha hipoteca incluso para funcionariado de carreira, o gasto en alugueiros e aloxamento disparouse até en vilas e localidades pequenas, ao que hai que sumarlle combustíbel, peaxe, alimentación, coidado de menores e de dependentes a cargo... Todo isto nun contexto no que se leva perdido un 20% de poder adquisitivo desde o ano 2010 e no que se manteñen recortes como o das pagas extras. Por estes motivos e por solidariedade de clase, o sindicato chama a xuntar a voz do persoal docente á do resto dos traballadores e traballadoras galegas e a parar todo mañá, e facer historia na folga xeral deste 11N.
Son moitas as razóns que ten o profesorado galego para mobilizarse. O pasado curso fíxoo con moita forza secundando até 6 xornadas de folga como non se lembraba desde hai preto de 40 anos e conseguiu que a Consellaría dera algún paso, aínda que insuficiente e dirixido só a un determinado tipo de colectivos e ensinanzas. Mais os problemas de ratios, sobrecarga burocrática, falta de persoal para atender a diversidade, demora na cobertura das vacantes, falta de tempo para coordinacións e participación en proxectos de innovación... seguen máis que latentes.
A todo isto engádese que o persoal docente leva sufrindo unha perda de poder adquisitivo dun 20% desde o ano 2010 o que fai que se faga moi difícil chegar a fin de mes con todo o encarecemento de bens e produtos básicos sexa a vivenda, tanto en propiedade como alugada, a compra de coche ou os desprazamentos pola suba do combustíbel, a alimentación, todo o relacionado coa crianza de menores e coa atención a persoas maiores ou dependentes... Nos últimos anos os salarios docentes incluso de persoal con praza fixa non chegan para hipotecarse con garantías e o incremento das medias xornadas, como todos os contratos Proa+ por exemplo, fan que haxa moito profesorado en situación precaria que ten que depender de aforros ou apoio familiar para sobrevivir economicamente. Isto é algo insólito que a CIG-Ensino vén denunciando e polo que lle vén reclamando á Consellaría que convoque máis vacantes definitivas no Concurso Xeral de Traslados para dar estabilidade ao persoal funcionariado de carreira, que incremente o número de prazas nas oposicións nun proceso con maiores garantías ou que lle permita ao persoal substituto restrinxir por áreas xeográficas sen xustificación as zonas nas que quere traballar. Medidas ás que a Consellaría non atende malia ser unha demanda unánime dos distintos colectivos.
Por todo isto, a CIG-Ensino considera que a folga xeral de mañá é unha folga laboral docente máis e chama ao profesorado a secundala masivamente como unha maneira de expresar o rexeitamento das políticas de recortes, propaganda e privatización da Consellaría de Educación e de desmantelamento dos servizos públicos por parte da Xunta. Ademais, lembra a importancia de irmos da man do resto da clase traballadora e en chave galega, dado que as problemáticas que nos afectan no noso país, pola dispersión e envellecemento poboacional, pola desindustrialización, pola falta de aproveitamento para Galiza dos nosos recursos enerxéticos e por sermos tratados como territorio de sacrificio por parte do capital e dos gobernos, nomeadamente polo galego, que é o que ten a maior parte das competencias fan que esta folga teña características diferenciadas ás doutros territorios do Estado.
Lista de mobilizacións da folga xeral do 11 de novembro
- VIGO: ás 12:00h. Cruzamento da Drobada
- A CORUÑA: ás 12:00h. Praza de Vigo
- CARBALLO: ás 12:00h. Praza do Concello
- CEE: ás 12:00h. Praza 8 de Marzo
- PONTEVEDRA: ás 12:00h. Praza da Ferrería
- VILAGARCÍA: ás 12:00h. Casa do Mar
- A ESTRADA: ás 12:00h. Praza do Mercado
- COMPOSTELA: ás 12:00h. Praza Roxa
- RIBEIRA: ás 12:00h. Mercado Municipal
- FERROL: 12:00h. Local CIG (Avenida de Esteiro)
- AS PONTES: 12:00h. Praza do Concello
- LUGO: ás 12:00h. Edificio Sindical
- BURELA: ás 12:00h. Local CIG (Arcadio Pardiñas)
- MONFORTE: ás 12:00h. Praza de España
- OURENSE: ás 11:00h. Edificio Sindical
- O BARCO: ás 12:00h. Praza do Concello
- VERÍN: ás 12:00h. Praza do Concello
A CIG fai, ademais, un chamamento a participar nas manifestacións convocadas pola tarde, que dan continuidade á xornada de folga.
Listado de manifestacións da tarde
- A Coruña. 18:00 saida desde a Rotonda Avda Fisterra - Ronda de Outeiro
- Ferrol 18:00 horas. Praza Amada García (Edificio da Xunta)
- Compostela Ás 18:00 horas no Obradoiro
- Lugo, ás 18:00 desde o edificio administrativo da Xunta de Galiza
- Ourense, 18h desde a Subdelegación do Goberno.
- Pontevedra, 20 horas desde Praza da Ferrería
- Vigo, ás 18 h desde a Praza dos Cabalos.
E anima a profesorado e alumnado maior de idade a participar nos piquetes informativos con saída dos seguintes puntos:
Previsión de piquetes
- A Coruña: 22h do martes día 10, piquete informativo nas instalacións de Prezero (recollida de lixo); ás 5:45h nas cocheiras de Tranvías da Coruña; ás 6:30h despregarase o piquete polo Polígono de Sabón, ás 7:30h no Polígono da Agrela; e ás 9h na zona da Praza de Lugo.
- Ferrol: ás 22h do martes día 10, nas portas de Navantia e organización do resto do piquete a esa mesma hora no Cantón. A partir das 5h o piquete despregarase polo Polígono do Río do Pozo e a partir das 8h no Polígono da Gándara.
- Lugo: a partir das 06h despregarase o piquete no Polígono do Ceao e ás 9:30h pola zona do Centro Comercial As Termas.
- Pontevedra: ás 05h, piquete na primeira rotonda da entrada do Polígono do Campiño e fronte a Nodosa (Porto de Marín); ás 7:30h nas cocheiras de autobuses e na hora de apertura comercial polo centro da cidade.
- Santiago de Compostela: ás 6h piquete informativo na cocheira de autobuses de Amio e a dende ás 07:30h no Polígono do Tambre. Dende aí o piquete baixará pola mañá cara a zona comercial das Cancelas e do centro.
- Vigo: ás 21:30h do martes día 10, piquetes informativos nos polígonos Caramuxo (GKN), Valadares e Porriño. Ás 00h saída do piquete dende o local da CIG cara ao centro da cidade; ás 3h, no porto, lonxa e mercado de froita; e ás 5.30h en Vitrasa e Vialia. Dende ás 9:30h os piquetes informativos depregaranse polos centros comerciais.
- Ourense: ás 05:30 a estación intermodal e as 06:45 aos urbanos de Ourense; ás 09:00 horas piquete con saída da casa sindical
- Ribadavia: 21:00 horas, Rubí, Federación Industria

