A falta de persoal obriga os centros a improvisar para manter abertos os comedores escolares
Son varios os centros que se puxeron estes días en contacto coa CIG-Ensino para trasladarnos a falta de persoal nos seus comedores.
Ante a falta de cobertura dos postos de cociña, o persoal laboral dos comedores, os equipos directivos e o profesorado tiveron que sacar adiante o servizo con solucións de urxencia.
Nalgúns casos, houbo que substituír o menú habitual por bocadillos, froita e auga. Noutros, pediuse ás familias que o alumnado trouxese o xantar da casa. A situación é especialmente complicada nos centros con xornada partida e sen transporte escolar ao mediodía, onde moitas familias dependen do comedor.
Esta situación xa se deu noutras ocasións, cando quedaron sen cubrir baixas do persoal de cociña. Algúns centros tiveron que recorrer a restaurantes ou empresas de cátering para servir o xantar, co conseguinte gasto a cargo do orzamento do propio comedor. A falta de cobertura prexudica aínda máis os centros do rural. En moitas localidades non hai ningún restaurante nin servizo de cátering que poida preparar e levar as comidas ao centro, polo que nin sequera dispoñen desa solución de urxencia.
A falta de planificación da Xunta nas tomas de posesión derivadas dos procesos de estabilización está detrás desta situación
A Xunta sabía con antelación que se ían producir relevos de persoal. Aínda así, houbo centros que chegaron ao día do relevo sen persoal suficiente e sen instrucións claras, mesmo despois de avisar e pedir unha solución.
Desde a CIG-Ensino esiximos a cobertura inmediata dos postos de cociña vacantes e que a Xunta coordine as tomas de posesión para evitar que se repita esta situación.
O funcionamento do comedor escolar é responsabilidade da Xunta e non pode depender de que os centros e as familias resolvan cada incidencia sobre a marcha.

