A ESAD convoca tres días de folga para esixir a restitución dos seis postos de traballo perdidos nos últimos dous anos

A CIG-Ensino denuncia que desde 2014 este centro perdeu o 20% do seu persoal.

Así mesmo, tamén se denuncia o comportamento hostil e arbitrario que mantén o inspector encargado do centro, responsable das decisións de recortes de persoal e empeñado en tratar a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, con sede en Vigo, como un instituto de Secundaria sen ter en conta as especificidades dos estudos que nela se imparten equivalentes ao grao universitario.

Despois da aprobación maioritaria dos seus traballadores e traballadoras, convocamos para a semana que vén tres días de folga na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo en protesta porque nos últimos dous anos se consumara a perda de seis postos de traballo. En concreto, para este curso académico a dirección do centro reclamaba tres novas vacantes e a Consellaría, tras o informe do funcionario da inspección educativa, non só non concedeu ningunha senón que eliminou outras tres adxudicando só 34 interinidades, cando en 2014 chegou a contar con 42. Esta decisión chega nun momento no que se incrementou considerablemente o número de alumnado matriculado nos primeiros cursos e no que en certas especialidades como dirección escénica ou dramaturxia, após os peores anos da crise económica, xa estea estabilizado. 

O claustro do centro atribúe estas decisións ao particular asañamento do inspector encargado desta área, Gustavo Lorenzo Prozzo, que se manifesta na intromisión nas prazas solicitadas, cambiando nalgúns casos o seu perfil, no acoso aos cargos directivos e no menoscabo á autoridade do profesorado. Así mesmo, acúsano de aplicar a normativa dun instituto de Secundaria nun centro no que se imparten estudos superiores, equivalentes ao grao universitario coas particularidades que teñen estas ensinanzas. 

A CIG-Ensino apoiará durante estes tres días de folga as diversas concentracións de protesta, organizadas polo persoal da ESAD, para reclamar a adxudicación das vacantes solicitadas e que se celebrarán nos seguintes lugares:

 - LUNS 17: Concentración ás 12 diante do Edificio da Xunta en Vigo. 

- MARTES 18: Concentración ás 11 na Xefatura Territorial de Pontevedra.

- MÉRCORES 19: Concentración ás 11 na Xefatura Territorial de Pontevedra.

Volver