A entrega da Xunta ao capital privado abre a carreira para privatizar os estudos universitarios na Galiza

O sector empresarial coruñés que está detrás de CESUGA quere “coller cacho” logo da alfombra vermella de Feijóo ao proxecto de Escotet

A universidade pública galega, desatendida e abandonada pola Xunta de Galiza, volve recibir un novo golpe tras a noticia de que CESUGA, unha empresa na que ten un papel determinante certo empresariado coruñés, non quere renunciar a un anaco da torta que a Xunta quere entregar no sector dos estudos universitarios.

Logo de que Feijóo dera todo tipo de facilidades ao proxecto pilotado por ABANCA, cunha forte oposición social e tamén institucional por parte das tres universidades públicas, agora é CESUGA quen move ficha, nun paso do que a CIG-Ensino alertara en diferentes charlas e mesas redondas cando o proxecto de ABANCA colleu forza tras o apoio fervoroso de Feijóo.

Sen máis datos polo momento que un comunicado de prensa, a empresa coruñesa fala de estabelecer unha nova universidade privada con dous campus no país. O exemplo de CESUGA, xa experimentado ao levar anos operando baixo o paraugas de universidades de fóra de Galiza, lembra perfectamente ao que pretende ABANCA: entrar a competir directamente coa oferta pública, con titulacións concordantes e mesmo duplicadas e loitar directamente pola captación de recursos privados aos que accede a universidade pública galega.

O efecto chamada da Xunta e a pasividade do Ministerio de Universidades

 A defensa cerrada da Xunta ao proxecto de ABANCA, mesmo coa posición en contra do Consello Económico e Social, provoca un claro efecto chamada para quen queira facerse cunha parte do “pastel” dun sector, o universitario, no que o capital aínda non entrara e que no ámbito estatal está consolidado con case medio cento de empresas en moitos caso pseudo universitarias.

Esta iniciativa preséntase mentres o Ministerio de Universidade non é quen de sacar adiante unha nova regulamentación para frear o “mercadeo” das titulacións no ámbito de universidades privadas e exixir o cumprimento efectivo duns requisitos mínimos que a día de hoxe non cumpren máis do 90% das empresas privadas que fan negocio cos estudos de Grao e Mestrado. Mais o certo é que determinadas declaracións do ministro Castells non deixan lugar a moito optimismo no que debería ser unha concepción de defensa absoluta da universidade pública.

A CIG-Ensino mostra a súa absoluta oposición á autorización de universidade privadas en Galiza, máxime cando os seus propios proxectos non camiñan cara unha oferta diferenciada da xa existente senón coa intención de debilitar o sistema universitario público.

 

Volver