A eliminación de Raogal en pleno verán supón un novo recorte na atención ao alumnado máis vulnerábel

A Consellaría comunicou a 30 de xullo ao profesorado que formaba parte das Unidades de Acompañamento e Orientación persoal e familiar a fin dun servizo que nos catro últimos cursos atendeu a miles de estudantes e as súas familias.

Aínda que a CIG-Ensino foi crítica coa opacidade coa que Educación creou a Rede de Acompañamento e Orientación persoal e familiar de Galiza (RAOGAL) e mantén como prioridade reforzar os departamentos de Orientación dos centros educativos e os Equipos de Orientación Específica este recorte supón deixar tirados a miles de menores en risco e ás súas familias, tanto a nivel académico como por vulnerabilidade socioeconómica ou por cuestións de saúde mental. Ademais, esta rede tamén contribuía á inclusión de alumnado migrante e ao acompañamento de alumnado da FP básica, unhas ensinanzas que a Consellaría anunciou que se reforzarían no Plan FPGal360 e que paradoxalmente agora se quedan sen este recurso.

Falta de orzamento. Ese foi o motivo dado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, nunha reunión mantida onte coas persoas responsábeis das Unidades de Acompañamento e Orientación persoal e familiar para anunciarlles a finalización deste servizo. Esta decisión afecta a máis de sesenta profesionais a nivel laboral. Por un lado a quen estaba prestando servizo nestas unidades que terán que reincorporarse aos seus centros educativos o 1 de setembro sen contar con esta información con antelación. E, por outro, ao profesorado que ía substituír a este persoal, que xa contaba con estes contratos no próximo curso.

Alén das consecuencias a nivel laboral, a CIG-Ensino critica que a Consellaría empregara unha vez máis fondos externos, procedentes neste caso do programa Next-Generation, para crear unha rede de acompañamento e orientación de forma opaca e sen achegar nin un só recurso propio. En concreto, tal e como se pode consultar na información sobre o Programa de Cooperación Territorial de Unidades de Acompañamento e Orientación persoal e familiar do alumnado educativamente vulnerable na web do Ministerio, no ano 2003 Galiza recibiu 2.845.881 euros para este fin, o que lle permitía contar cun total de 71 profesionais formando parte da rede galega. O pasado curso asumiu con fondos propios o mantemento da mesma coa metade do persoal. En ningún momento a Consellaría de Educación desvelou que este programa estivo financiado por fondos europeos e, malia vender propagandisticamente en varias ocasións o seu funcionamento, decide liquidalo en canto remata este financiamento.

A CIG-Ensino sempre defendeu que o reforzo en orientación e acompañamento debera realizarse con persoal especialista desde os propios centros e que é preciso chegar ao obxectivo de que por cada 250 estudantes haxa unha persoa orientadora, tal e como recomenda a UNESCO. Con todo, esta rede, tamén segundo datos da propia administración educativa, atendeu a milleiros de persoas, entre estudantado e as súas familias, en colaboración con outras entidades como Servizos Sociais, Sergas, Extranxeiría... nos últimos catro anos que agora quedarán sen este recurso. Cómpre salientar que os casos que se derivaban a estas Unidades eran de alumnado en risco ou ben pola súa situación socio-económica ou de condición de saúde, fundamentalmente no que ten a ver con patoloxías mentais infanto-xuvenís. Ademais, neste período de funcionamento de RAOGAL tamén se fixo un especial seguimento de alumnado matriculado na FP Básica e se acompañou na realización de diversos trámites burocráticos a estudantado e familias migrantes.

O sindicato maioritario no ensino público tamén criticou que o persoal docente que substituía a quen formaba parte das UACO finalizaba contrato o 30 de xuño en lugar de facelo o 31 de agosto, como realmente lle correspondería.

Un novo recorte para pechar un curso nefasto para o profesorado galego

Este anuncio súmase a outros recortes perpetrados a finais deste curso, como a eliminación das licenzas formativas retribuídas, a non convocatoria das prazas de atención preferente para profesorado especialista de atención á diversidade, a ausencia de prazas de asesorías técnicas na Consellaría e nos centros de formación dependentes da mesma e a incerteza sobre outras prazas de libre designación como as coordinacións de Polos Creativos e de dinamización da FP dual.

Volver