A directora xeral de FP comprométese a traer o borrador do Decreto que regule estas ensinanzas en Galiza á volta do Nadal
No mesmo día que a Consellaría anuncia unha xira provincial coas direccións dos centros para falar das novidades sobre a FP, Eugenia Pérez asegura no CGFP que aínda non teñen finalizado o anteproxecto do Decreto de ordenación destas ensinanzas.
Nunha reunión do Consello Galego de Formación Profesional, na que o único sindicato que interveu foi a CIG-Ensino, lembróuselle á responsábel de FP que quedan apenas 6 meses para que remate o curso e que non se pode improvisar unha norma deste calado sen o seu contraste previo co profesorado e a súa lexítima representación sindical na Mesa Sectorial.
Así mesmo, trasladóuselle o malestar existente ante a desinformación sobre este tema, incluso de cara aos grupos de traballo que tiveron que entregar a readaptación horaria dos módulos de segundo curso sen coñecer as intencións da Consellaría nin obter ningunha resposta despois de realizado este traballo.
A CIG-Ensino remitiulle por escrito o pasado 4 de novembro unha solicitude de comparecencia na Mesa Sectorial para comezar canto antes a negociación da normativa galega que ten que adaptar a Lei Orgánica da Formación Profesional e o RD 659/2023 polo que se desenvolve a regulamentación do sistema de formación profesional. Tras non obter ningunha resposta hoxe aproveitouse a celebración do Consello Galego de FP para reiterar esta petición. A directora xeral respondeu que esperan traer o texto á mesa de negociación "á volta das vacacións".
A CIG-Ensino considera que se vai con moito retraso neste asunto e estará vixilante a respecto do compromiso manifestado hoxe pola responsábel de FP da Xunta de Galiza.