A Dirección Xeral de FP convoca os grupos de traballo para continuar coa reforma de FP sen negociar previamente nada na Mesa Sectorial
A Consellaría, sen achegar ningunha información, dá de prazo apenas unha semana aos grupos de traballo para que entreguen a distribución horaria dos módulos de segundo coa intención de elaborar a normativa de costas ao profesorado e á súa representación
A CIG-Ensino solicitoulle hoxe mesmo por rexistro á directora xeral de FP, Eugenia Pérez, que convoque de forma urxente o órgano de negociación entre a Consellaría e a representación sindical docente ante o que é un acto de desprezo máis do seu departamento polo profesorado. Malia que o Decreto galego que vai regular a FP vai incidir claramente nas condicións laborais docentes, sobre todo no horario, nas funcións e na atribución docente dos módulos, a Dirección Xeral de FP pretende saltarse de novo a interlocución coa lexítima representación do profesorado que imparte estas ensinanzas e volve actuar de forma “escurantista e opaca” pedindo que se lle entregue o resultado da distribución horaria dos módulos profesionais de segundo curso, aos que nun principio só teñen que restarlles 3 sesións semanais, sen achegar ningún tipo de explicación sobre as súas intencións e causando moito malestar entre as persoas que teñen que realizar estas tarefas.
Unha vez máis a Dirección Xeral de Formación Profesional sorprende coa súa “opacidade, falta de transparencia e autoritarismo” ao convocar a semana pasada por videoconferencia os grupos de traballo que foron seleccionados o curso pasado para a adaptación horaria dos módulos profesionais de primeiro curso dos ciclos de grao básico, medio, superior e dos cursos de especialización ás novas esixencias da normativa que regula estas ensinanzas. Sorprende por moitos motivos. En primeiro lugar porque convocou exactamente as mesmas persoas, aínda que algunha delas imparta docencia en cursos de especialización, por exemplo, que xa remataron o seu traballo ou que foran escollidas no seu día polo seu coñecemento dos módulos de primeiro curso pero que este ano, ou ben non queren continuar no proceso, ou ben debera abrirse de novo a selección a quen puidera interesarlle participar nestes grupos. Sorprende porque nesa reunión non se dá ningún tipo de explicación sobre a intención que ten a Consellaría ao respecto da distribución entre cursos dos módulos (algo que cumpriría ser revisado, como esixiu a CIG-Ensino o ano pasado) e se lles dá un prazo de apenas cinco días hábiles para entregar unha proposta de redución de tres horas semanais dos módulos profesionais de segundo curso de graos medios e superiores (non así da FP básica), citando expresamente que non se faga ningunha achega respecto de “Itinerario Persoal para a Empregabilidade II, Proxecto Intermodular, Módulo optativo e Dixitalización aplicada ao sector produtivo”, pero non se cita o módulo de Inglés profesional II. A CIG-Ensino, recollendo o malestar de profesorado que foi convocado a esa reunión e en xeral de todo o colectivo docente que imparte na FP, que non ten ningunha información sobre cales son as intencións da Consellaría, vén de remitirlle un escrito á directora xeral de FP no que lle pide que convoque con carácter inmediato a Mesa Sectorial, presente a proposta que baralla o seu departamento, de existir, e adíe a data de entrega para os grupos de traballo até negociar como se pretende desenvolver a reforma dos ciclos formativos en Galiza.
Esta era, segundo fixo pública a Dirección Xeral de FP, a estratexia que a Consellaría de Educación pretendía levar a cabo a respecto da distribución entre cursos académicos dos novos módulos incluídos a raíz da aprobación da Lei Orgánica da Formación Profesional, do Real Decreto 659/2023 polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional e dos sucesivos Reais decretos que modifican os títulos de FP de grao básico, medio, superior e cursos de especialización e se fixan as súas ensinanzas mínimas.
A CIG-Ensino, que foi moi crítica coa decisión tomada unilateralmente pola Consellaría tanto de realizar esta distribución, como de elevar ao máximo as horas de formación da empresa, pasando a ser de até 480 na FP básica e de até 700 en CM e CS, así como da implantación do módulo de Inglés profesional nos dous cursos académicos, polo menos se un deles non se consideraba complemento formativo, non entende que cálculos está a botar a Consellaría para pedir agora que se detraian só 3 sesións semanais dos módulos profesionais de segundo curso. O sindicato congratularíase de que a Dirección Xeral de FP tomase nota dalgunha das achegas que lle fixo o pasado curso mais non ten ningunha esperanza de que sexa así, sobre todo despois de que non mantivera o compromiso acadado na Mesa Sectorial a respecto da distribución horaria das tres linguas no módulo de Comunicación e Sociedade I na FP básica, de forma que nestes intres o alumnado que cursa primeiro ten dúas sesións semanais de inglés fronte a unha de galego e outra de castelán, o que demostra unha vez máis a súa estratexia de impedir a competencia lingüística no noso idioma ao remate desta etapa educativa que permite obter o título da ESO.
Os dereitos laborais do profesorado, unha vez máis ninguneados
A directora xeral de FP, desde que tomou posesión do seu cargo, só compareceu unha vez na Mesa Sectorial para limitarse a explicar, dado que non houbo ningunha marxe de negociación, as instrucións sobre a ordenación e organización dos graos D e E de FP para o actual curso académico. Non convocou este órgano en ningunha ocasión máis, pese aos problemas que leva arrastrando a FP dual intensiva nos últimos anos en Galiza e á falta de ordenación da mesma; o malestar existente entre o profesorado co sistema de Educalidade e a carga burocrática que non cesa, este ano con novidades que aínda a complican moito máis; a imposición curso tras curso da oferta educativa aprobada para os centros públicos e a opacidade que se mantén ao respecto da autorización cada vez maior de graos D privados e concertados, e a inxente cantidade de fondos europeos que recibiu o seu departamento nos últimos anos dos que nunca deu conta de como estaban a ser investidos. Neste sentido, neste mes de setembro o Ministerio aprobou catro novas partidas de financiamento para a Xunta de Galiza, entre as que destacan 15 millóns de euros para a creación de novas prazas de FP, dos cales 10 millóns destinaranse a prazas bilingües. Malia todos estes fondos sorprende tamén que os grupos de traballo que colaboraron o pasado curso na adaptación dos currículos dos ciclos aínda non cobraran.
Creación de novas prazas de FP |
2.580 |
4.837.500 € |
Creación de novas prazas bilingües |
3.750 |
10.125.000 € |
Acreditación de competencias |
|
3.525.120 € |
Creación aulas tecnoloxía aplicada |
32 |
1.925.000 € |
Total |
|
20.412.610 € |
Mais a alerxia que parece terlle a directora xeral a este órgano de negociación non pode sosterse máis tempo e non pode obviar que toda normativa que afecte directamente ás condicións de traballo docentes, que neste caso concreto vai ter incidencia na carga horaria, na atribución docente dos módulos, aínda por definir, e nas funcións que ten que realizar o profesorado coa nova figura da titoría dual de centro por cada grupo, que contempla a normativa estatal, entre outras, ten que pasar obrigatoriamente pola Mesa Sectorial docente. Ademais a CIG-Ensino quere aproveitar a elaboración do Decreto galego de FP para “regular” dunha vez por todas a FP dual intensiva para evitar que sigan existindo abusos e discriminacións por parte das empresas, así como outras moitas cuestións de índole laboral que lle afectan ao profesorado de FP, como a súa equiparación salarial coa aprobación dun complemento económico para todo o profesorado do corpo de PESSFP.
O sindicato maioritario no ensino público galego non vai consentir que se desprece deste xeito a representación docente e que non se teña en conta a opinión do profesorado que, despois da experiencia do ano pasado, ten ademais moitas achegas que realizar dado que houbo modificacións posteriores da duración das unidades formativas que compoñen algúns módulos realizadas pola Dirección Xeral coas que non está de acordo ou que quere ser consultado á hora de definir cal vai ser o módulo optativo que se vai implantar en cada ciclo formativo.