A convocatoria da sexta xornada de folga fai reaxir á Consellaría coa redución de ratios e horarios en secundaria pero segue sen atender as demandas de todo o profesorado
A CIG-Ensino critica que, unha vez máis, se negociara fóra da Mesa Sectorial, o único órgano lexitimado para facelo e contrapón a actitude de Educación coa de Sanidade e a do resto da Xunta que se reúnen e negocian coa CIG como sindicato maioritario.
Nunha valoración inicial, a CIG-Ensino considera que, ademais de que as medidas que se anuncian para Secundaria e outras ensinanzas responden ao cálculo político da Xunta de adiantarse ao Proxecto de Lei do goberno central, o resto de medidas son insuficientes ou falta concreción. A respecto da renovación do catálogo de postos de traballo para os centros de infantil e primaria, proposta presentada en solitario na Mesa Sectorial do mes de outubro pola CIG, lembra que asinaron ese acordo en 2007 e que se se quere aprobar para o curso que vén ten que comezar a negociarse xa, ao igual que o incremento de persoal especialista para atender a diversidade e de orientación para centros de secundaria e outras ensinanzas.
A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, cualificou de “indignante” que se intente deixar fóra ao sindicato maioritario destas negociacións mentres si se inclúa a unha organización “que nin ten representación na Mesa Sectorial nin en todas as Xuntas de Persoal provinciais porque non tivo os votos necesarios”. Neste sentido recorda que o director xeral de Centros e Recursos Humanos se comprometeu en febreiro a traer á Mesa unha proposta de recuperación do horario lectivo en Secundaria, incumprindo este compromiso, e que esta actitude só a mantén a Consellaría de Educación dentro da Xunta porque Sanidade, por exemplo, si negocia con CIG-Saúde e mantén reunións para tratar de chegar a acordos.
Con respecto ao anuncio de hoxe, Arroxo lamentou que non se dera a coñecer o texto da proposta, “algo que coa CIG nas negociacións non pasaría porque o publicariamos para que o profesorado puidera facer achegas antes de asinar nada”. Sobre a recuperación das 18 horas lectivas en Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial e a redución a 25 alumnos/as da ratio na ESO a partir do curso 28/29, é dicir dentro de dous, lembrou que son medidas recollidas “tal cal” no Proxecto de Lei que vén de remitir o goberno central ás Cortes xerais “polo que a Consellaría estaría obrigada a aplicalas se sae aprobado neses prazos concretos”. “É, polo tanto, -insistiu- un intento de engano que se diga que se adianta a redución das ratios en secundaria prevista para o curso 33/34 porque isto non era o que poñía o acordo de 2023, senón que o calendario de redución de ratios se comezaría a negociar a partir do curso que vén, coincidindo coa implantación total da redución en infantil e non que se ía dilatar a súa aplicación 7 anos máis como pretenden agora indicar. Así que neste tema, como no de que se supeditaba a recuperación do horario lectivo en secundaria á negociación das 35 horas semanais para o conxunto da administración galega, a Consellaría emenda o acordo de 2023 e faino pola presión exercida polas mobilizacións do profesorado durante este curso.” Neste sentido, salientou que “en dous anos e medio todo foron recortes e incumprimentos do acordo e é agora cando inclúen algún avance. A ninguén se lle escapa que o anuncio se fai ás portas da sexta xornada de folga docente polo que está claro que é unha resposta a esta convocatoria e ás mobilizacións sostidas durante todo o curso por profesorado e familias. En calquera caso se realmente quixeran ir máis alá do incluído no Proxecto de Lei do Ministerio de Educación incorporarían a recuperación das 21 horas lectivas que tiveron os mestres e mestras galegas até 2011”.
Nunha análise máis en profundidade, para a responsábel do sindicato maioritario no ensino público galego “falta moita concreción sobre todo nos prazos e xa sabemos que a Consellaría non é de fiar por todo o que fixo até o momento co cómputo como dobre ou triplo do alumnado con necesidades nas ratios de aula, co acordo de agrupamentos... que os foi adiando no tempo ou aplicando só en determinados cursos”. Para Laura Arroxo tamén é sorprendente que “aínda que non queren negociar coa CIG incorporan cuestións que presentamos en solitario na Mesa Sectorial, como a redución horaria para equipos directivos e titorías ou, en outubro pasado, cando se negociaron o Concurso de Traslados e o de Orientación, a renovación do catálogo de postos de traballo nos centros de infantil, primaria e educación especial. A CIG-Ensino foi asinante dese acordo en 2007 e, polo tanto, non pode anunciarse ningunha modificación do mesmo sen ternos en conta. O mesmo pasa coa ampliación de profesorado especialista para atender á diversidade e de Orientación en todos os centros e ensinanzas, outra medida que a Consellaría rexeitou en outubro e que agora parece que ten acollida, algo que para nós non é casual, senón que responde ás protestas protagonizadas polo profesorado e o conxunto da comunidade educativa galega.”
Con todo, Arroxo remata esta valoración considerando que o anuncio de hoxe, realizado para neutralizar a folga, segue sendo “insuficiente” e “inconcreto” ao non presentar ningún borrador e deixa fóra demandas básicas como a recuperación do horario en infantil e primaria e do pagamento do verán ao persoal substituto ou un plan real para reducir a burocracia. Así, considera que é máis necesaria ca nunca a nova xornada de folga do martes 28, que mostre que o profesorado galego non quere só anuncios e fotografías propagandísticas senón realidades e feitos.

