
A Consellería mente e manifesta a súa incompetencia na negociación do plan de igualdade
A só tres meses de que o documento teña que estar aprobado a Consellaría sitúa a negociación do plan na casa de saída
Na mesa sectorial do pasado 11 de marzo a CIG-Ensino aproveitou a rolda final de intervencións para denunciar que non existía xustificación para a conxelación da negociación do plan de igualdade. A resposta da administración educativa foi que se nos convocaría para o día 19 de marzo e que previamente se nos faría chegar a documentación a tratar na dita reunión.
O certo é que esa convocatoria nunca chegou e a que vimos de recibir emprázanos a unha reunión o día 28 deste mes, sen aportar un só documento. Se isto fora pouco e para a nosa sorpresa, anúnciasenos que se nos vai presentar a estas alturas a un equipo colaborador para a elaboración do plan e que se pretende establecer o ámbito de aplicación e contidos do mesmo.
Este movemento por parte da Consellería pon de manifesto primeiro, que se nos mentiu na mesa sectorial e segundo, a incapacidade da Consellería para abordar esta obriga legal.
Van alá xa 9 meses desde a constitución da comisión de negociación en xuño do 2024, tempo no que só se nos convocou a unha reunión de traballo a finais de novembro que deu de si a redacción dun regulamento de funcionamento, onde se recollen as funcións da propia comisión e as materias de negociación. Tamén se deu o debate sobre cal debera ser o ámbito de aplicación do plan e protocolo de acoso e o tipo de datos que precisabamos para elaborar unha diagnose da situación, primeiro paso en toda elaboración dun documento deste tipo.
O resumo é que o pouco que fixemos non serviu para nada e que cando tarde e mal se puxeron a reunir datos foron conscientes da dimensión do traballo, do que a CIG-Ensino xa advertira en numerosas ocasións.
Por lei, o traballo tería que estar rematado en xuño do 2025 e reiteramos que non asumiremos que a nula relevancia que este tema ten para a Consellería nos leve a unha negociación acelerada nos últimos meses ou semanas. A CIG-Ensino cre nos plans de igualdade como documentos útiles, leva anos demandando a necesidade de que se negocie e mostrando a súa disposición a traballar e aportar achegas, pero ao que non está disposta é a aprobar un documento baleiro de medidas reais, só para o escaparate.