A Consellería de Educación aplica a censura na formación do profesorado amparándose na “neutralidade ideolóxica”
O control ideolóxico cérnese agora sobre a proposta formativa de NEG e a AGAPPAZ “Palestina e máis alá. Educar na vida en tempos de xenocidio” á que a Consellaría vén de negarlle a homologación por non cumprir o principio de neutralidade ideolóxica.
A CIG-Ensino súmase á denuncia feita pública polo movemento de renovación pedagóxica ao entender que se trata dunha mostra máis da censura ideolóxica que quere aplicar o goberno galego ao ensino público, neste caso nunha actividade de formación do profesorado. Mentres o conselleiro de Educación mantén nos seus postos ao subdirector xeral da Inspección e Avaliación Educativa que tachou de clase ociosa ao profesorado e publicou artigos de ideoloxía ultra e ao director territorial da Coruña que fixo comentarios machistas e franquistas á vez que foi investigado polo Tribunal de Contas por malgastar cartos públicos en comidas e bebidas alcólicas. Ademais, hoxe mesmo están presentes numerosos directivos de grandes empresas nun Congreso organizado pola Dirección Xeral de FP e nas charlas organizadas para alumnado de secundaria proxectouse material publicitario dun partido de ultradereita. A Consellaría demostra así, unha vez máis, que nas aulas galegas só entra a ideoloxía que os seus cargos políticos queren.
O XXXVI Encontro galego-portugués de educadoras pola paz organizado por NEG e AGAPPAZ, no que colaboran o Concello de Nigrán, a Deputación de Pontevedra, o Centro de formação Vale do Minho, a UVIGO e a UDC recibiu a denegación da petición de homologación previa como formación permanente do profesorado, “por incumprimento Resolución do 5 de xuño de 2025”, tal e como se sinala literalmente nunha notificación asinada polo director Xeral de Recursos Humanos, Xesús Álvarez Bértolo.
Nunha traxectoria de arredor de 40 anos é a primeira vez que NEG, como movemento de renovación pedagóxica que ten entre os seus obxectivos a formación do profesorado, ve como unha das súas propostas formativas é censurada categoricamente, dado que impedir a súa homologación é un claro intento de evitar que se leve a cabo ou de facer desistir ás persoas interesadas na súa participación.
Desde a CIG-Ensino denunciamos, como xa fixemos no momento da súa publicación, o contido da circular que, en principio, non ía dirixida á formación do profesorado, senón ás actividades propostas na Programación Xeral Anual dos centros. Polo que vemos, agora pretende estenderse a outros ámbitos de xeito que aos poucos vaia calando a idea de que formarnos como docentes e formar ao alumnado sobre determinados temas non só non é adecuado senón que é ilegal.
Como alertabamos no seu día desde a CIG-Ensino, esta iniciativa é sibilina xa que acaba por incentivar a autocensura do profesorado que se sente intimidado e reprimido ao tempo que con este mecanismo de control se incide no desprezo do seu criterio profesional e na súa desautorización. Finalmente, non traballar determinados contidos nas nosas aulas non é neutralidade ideolóxica, senón que é darlle aval de normalidade e situarse nun lado dos acontecementos en cuestións como a defensa dos dereitos humanos e da igualdade entre homes e mulleres, a protección do medio ambiente (casos ALTRI ou lumes forestais), a política internacional (Palestina, Grenlandia, Irán...), a emerxencia lingüística ou a diversidade afectivo-sexual e a identidade de xénero. Todos eles son temas que debemos reflexionar como docentes e tratar de trasladar como contidos transversais nas nosas aulas para fomentar, tal como indica a lexislación educativa, o espírito crítico do noso alumnado. É, polo tanto, a Consellería de Educación quen non aplica o principio de “neutralidade ideolóxica” termo que, por certo, se rescata dunha norma do ano 1985, a LODE, á que non se recorreu nin sequera nos mandatos de Fraga, sen mencionar, por outra parte, ningún artigo da lei en vigor, a LOMLOE, sobre a formación para a liberdade e a formación crítica do alumnado.
Por outro lado, vemos como estas decisión se aliñan co nomeamento de altos cargos directivos da Consellería de Educación ancorados nunha visión misóxina e despectiva do profesorado a quen designan como “clase ociosa e acomodada”, como é o caso do subinspector xeral de Inspección e da Avaliación Educativa, Enrique Prado Cueva, ou o máis recentemente nomeado director territorial da Coruña, Santiago Freire Abeijón. En ambos casos a CIG-Ensino solicitou a súa dimisión ou cese por parte do conselleiro de Educación amparando este os seus comentarios e actuacións máis que reprobábeis.
A CIG-Ensino, como agora lle ocorre a NEG, recibiu tamén represións debido a unha serie de materiais didácticos publicados sobre as temáticas mencionadas polo que xa coñece, por experiencia propia, a persecución dunha Consellaría obsesionada co ocultamento dos acontecementos da nosa sociedade, como fai todos os días o goberno galego cos medios de comunicación públicos.
O desprezo ao profesorado demóstrase tamén no feito de que, malia que a Orde de homologación de actividades de formación permanente do profesorado establece no seu artigo 19 que haberá unha comisión de seguimento da que poderán formar parte os sindicatos con representación na Mesa Sectorial, esta representación legalmente elixida non se convoca a estas reunións. Desde a CIG-Ensino recordamos como hai uns anos se nos convocaba mensualmente para formar parte da comisión de recoñecemento de actividades de formación, pasando posteriormente a ser convocados de maneira anual, ata chegar ao momento actual en que nin sequera se nos convoca. Á Consellería non lle interesa escoitar a opinión do profesorado, fai e desfai conforme as súas retrógradas instrucións e trata de apartar das súas decisións arbitrarias a presenza incómoda de certa representación sindical. Isto si é dar pasos atrás e incumprir a lexislación en vigor. Tal e como denunciamos reiteradamente a falta de transparencia e de diálogo é moito maior agora que durante o fraguismo. Ademais, para as actividades de formación que organiza directamente aplica a ideoloxía máis ultraliberal (ao copar as grandes empresas moitas xornadas e congresos, como acontece hoxe mesmo no Congreso de Innovación da FP, ou na formación do profesorado para a impartición do módulo de Sostibilidade a cargo de Naturgy e Repsol), convertendo as xornadas de aproximación á administración educativa dirixidas ao funcionariado en prácticas nun acto de carácter político e propagandístico ou traendo ponentes que foron cesados por comentarios racistas, ademais de permitir que se proxecte publicidade de grupos políticos de extrema dereita en charlas dirixidas a alumnado de secundaria.
Desde a CIG-Ensino animamos a NEG a continuar coa realización da actividade e apoiamos o seu recurso para que a Consellería rectifique o rexeitamento da homologación provisional. Así mesmo, animamos ao profesorado a manterse firme na defensa do desempeño da súa liberdade de cátedra e a seguir traballando nas aulas a educación en valores e para a paz, tal e como é o noso deber e está contemplado por leis educativas internacionais. O sindicato defenderá a todo aquel profesorado que se vexa perseguido en aras desta falsa “neutralidade ideolóxica” e seguirá a denunciar os intentos de censura da Consellaría en todas as súas vertentes.
Novas relacionadas

