
A Consellaría volve mirar para outro lado deixando a responsabilidade nos equipos directivos
No lugar de dar instrucións aos centros polo temporal destes días limítase a solicitar informe de incidencias

Ante o temporal que ten lugar estes días en Galiza a actuación e decisións tomada pola Consellaría de Educación supera os límites de irresponsabilidade marcados pola propia Consellaría en temporais anteriores, non comunicando aos centros nin decisión ningunha, nin previsión, nin instrucións; agora ben, si solicita en correo electrónico (podedes ver captura de pantalla) remitido aos centros que comuniquen incidencias, claro está a posteriori.
Ante tal irresponsabilidade a a CIG-Ensino quere manifestar o seguinte:
- A Consellaría actúa de maneira irresponsábel e non comunica ningunha decisión aos centros escolares.
- Son as propias direccións dos centros ou o transporte escolar os que teñen que tomar a decisión de saír a buscar ao alumnado ou non.
- A CIG-Ensino vén demandando desde hai tempo que se negocie un protocolo de actuación ante a previsión de diferentes fenómenos meteorolóxicos adversos e que non se traslade a responsabilidade ás dirección dos centros, así como para que a Consellaría deixe de actuar con lixeireza e improvisación.
- É totalmente inaceptábel que ante un tema de seguridade para a integridade física, a Consellaría non actúe con coherencia e non asuma as súas responsabilidades para garantir a seguridade de todos os sectores da comunidade escolar.
A CIG-Ensino esixe que a Consellaría se faga responsábel da situación e decida se debe suspender as clases e, ao mesmo tempo, esixe a negociación do novo protocolo de actuación para casos semellantes para non estar permanentemente ao azar da improvisación e irresponsabilidade da Consellaría.