A Consellaría volve financiar entidades certificadoras privadas de idiomas estranxeiros mentres recorta nas Escolas Oficiais de Idiomas
A CIG-Ensino reclama que se conte coas EOI para realizar as probas de certificación de nivel e denuncia a discriminación do alumnado dos centros non plurilingües
A Consellaría de Educación volve reservar até 400.000 euros para financiar probas de acreditación de linguas estranxeiras sen dar prioridade ás Escolas Oficiais de Idiomas, xa que a resolución deste curso de novo non concreta como se vai facilitar a participación das EOI. Ademais mantén unha achega de 100 euros por estudante e por proba e deixa en mans dos centros a selección das empresas ou institucións certificadoras, así como a organización e o pagamento dos exames.
Desde a CIG-Ensino consideramos inaceptábel que se continúe financiando o negocio das entidades privadas mentres se recorta profesorado, grupos e medios nas EOI, unha rede pública que leva décadas formando e certificando o coñecemento de idiomas.
Ademais, a Consellaría crea unha situación de desigualdade coa súa propia rede pública: mentres o alumnado que acode ás EOI para certificar o seu nivel debe aboar as taxas correspondentes, esta convocatoria permite sufragar total ou parcialmente, con fondos públicos, exames de entidades privadas.
Deste xeito, favorécese que alumnado dos centros de ensino que podería acudir ás EOI para certificar idiomas opte por outras entidades certificadoras. Resulta entón contraditorio que a Administración financie esta alternativa e, ao mesmo tempo, utilice a baixada da matrícula para xustificar recortes na rede pública, como o desmantelamento deste curso de grupos de chinés na EOI de Lugo.
E non é a primeira vez que denunciamos esta situación. Xa en 2017 advertimos da privatización da certificación de inglés do profesorado. En abril de 2025 puxemos o foco na privatización xeral das probas de acreditación de competencia lingüística en linguas estranxeiras
Mantense a discriminación do alumnado dos centros non plurilingües
Como xa denunciamos o pasado curso, a resolución volve dar preferencia ao alumnado que cursa etapas ou ciclos plurilingües. Desde a CIG-Ensino seguimos sen entender por que a posibilidade de recibir unha axuda para acreditar un idioma ten que depender de que o centro participe ou non nun destes programas. O alumnado dos centros non plurilingües ten o mesmo dereito a acceder a estas probas e esta condición non deixa de ser unha chantaxe encuberta para que os centros opten polo por converterse en plurilingües.
A CIG-Ensino defende que se facilite a acreditación lingüística do alumnado, pero reclama que se faga contando en primeiro lugar coas Escolas Oficiais de Idiomas e sen discriminar ninguén polo centro no que estuda. Esiximos á Consellaría que deixe de recortar nas EOI e que destine os recursos necesarios a ampliar a súa oferta e a reforzar os seus cadros de persoal. Se hai diñeiro para pagar a entidades certificadoras privadas, tamén debe habelo para reforzar a rede pública.
Novas relacionadas

