A Consellaría volve deixar nas mans do profesorado decisións que lle corresponden ao goberno galego

Pretende que sexan os centros educativos os que decidan sobre o uso ou non uso das máscaras nos patios de recreo.

Nun correo, sen asinar por ningún responsábel da Consellaría de Educación, recibido polos centros educativos baixo o asunto: Aplicación da lexislación sobre a obrigatoriedade do uso de máscara en centros educativos, o goberno galego pretende lavarse as mans en canto á decisión de se o noso alumnado ten que usar máscaras ou non durante os recreos.

Neste correo anónimo, a Consellaría recorda o que estabelece o Ministerio de Sanidade, en canto ao uso obrigatorio só en actos multitudinarios e o mesmo documento indica que segundo a OMS os recreos non se consideran actos multitudinarios.

Remata o escrito recordando os grupos burbulla e as limitacións de contactos entre os distintos grupos, pero sen aclarar ou indicar que temos que facer co noso alumnado nos patios de recreo.

Desde a CIG-Ensino consideramos que a Consellaría de Educación ten que dar unhas instrucións claras de cara a forma de actuar, sen delegar as decisións sanitarias dunha pandemia nos centros educativos e nas súas direccións.

Non pode ser que o goberno galego pretenda, mediante un correo anónimo no que non se dan instrucións claras, dar por pechado un asunto que preocupa a toda a comunidade educativa. A Consellaría debe ser clara á hora de indicar se o noso alumnado está obrigado ou non a usar máscaras durante os recreos. Nin o profesorado e o resto do persoal do centro, nin as familias nin o alumnado poden seguir sendo reféns do xogo partidario e os intereses persoais do presidente da Xunta: quen goberna ten que exercer as súas responsabilidades.

 

Volver