A Consellaría volve acertar cando rectifica: xa publica na súa web os datos diarios de contaxios nos centros

A CIG-Ensino deixará de publicar na súa web o documento cos datos de contaxios e aulas pechadas logo de comprobar que a Consellaría finalmente xa o fai no seu portal web

O pasado día 7 de outubro a CIG-Ensino criticou a falta de transparencia da Consellaría de Educación cos datos de persoas afectadas por contaxios por covid-19 nos centros docentes de Galiza. O sindicato criticaba naquel comunicado que os datos lle fosen proporcionados aos medios de comunicación mais non se fixeran públicos na propia web de información sobre o coronavirus que Educación ten habilitada. Desde aquel día, e cos datos desde o 5 de outubro, a CIG-Ensino publicou diariamente todos os informes de seguimentos que recibían os medios de comunicación.

Tal e como dixemos no seu día, unha vez que a Consellaría xa rectificou e, aínda que non o difundiu por ningún medio nin lle deu relevancia na portada da súa web, a CIG-Ensino dá por cumprido o obxectivo que se fixou e deixará de colgar diariamente os informes, aínda que manterá os existentes e cunha ligazón á web da Consellaría para poder acceder directamente.

Por desgraza, volve ser realidade que a Consellaría só actúa correctamente cando rectifica. A falta de transparencia na información ao conxunto da sociedade e á comunidade era unha mostra máis dun comportamento absolutamente cuestionábel por parte da Consellaría de Educación. Benvida sexa a rectificación. 

Só nos resta unha pregunta ao conselleiro: era necesario que a CIG-Ensino criticase publicamente a falta de transparencia e publicase a diario os datos, facendo un papel que lle corresponde ao goberno para verse obrigado a facelo?

Para acceder na web da Consellaría: entrar na sección especial de coronavirus e dentro dela entrar na apartado “seguimento covid”.

CIG Informa sobre a publicación dos datos da COVID-19 nos centros de ensino

Documento


Volver