A Consellaría volve vulnerar os dereitos lingüísticos do profesorado na avaliación de riscos laborais

Nestes días estanos chegando información de diversos centros educativos nos que se está a entregar ao profesorado a avaliación de riscos laborais dos postos de traballo unicamente en castelán.

Docentes de varios centros educativos cos que se puxo en contacto a CIG-Ensino, confirman que a empresa privada contratada pola Consellaría para facer o traballo de avaliación de riscos dos postos de traballo só facilitou a documentación en castelán, sen nin sequera contemplar unha versión en galego. Estamos a falar de documentación oficial sobre condicións de traballo, contratada e pagada con diñeiro público pola Administración educativa galega, que ignora completamente a lingua propia do país.

Desde a CIG-Ensino denunciamos o incumprimento das obrigas legais da Administración en relación co uso normal do galego, a vulneración dos dereitos lingüísticos do profesorado e a absoluta falta de vontade da Consellaría para garantir que o galego sexa a lingua de referencia tamén nas relacións con empresas privadas ás que se lles contratan servizos.

Así mesmo, exiximos, que se faciliten de inmediato as avaliacións de riscos laborais tamén en galego en todos os centros educativos, que en todos os contratos da Consellaría con empresas privadas se inclúa explicitamente a obriga de entregar toda a documentación, informes e comunicacións en galego e que se respecte na práctica, e non só no papel, o dereito do profesorado a recibir a súa documentación laboral na lingua propia de Galiza.

Desprezo para o galego e apoio para o inglés

A trato que recibe a nosa lingua no ensino público contrasta coas políticas de fomento da aprendizaxe do inglés por parte da Consellaría de Educación que a semana pasada se facía eco dunha enquisa da Education First que situaba a nosa comunidade co nivel máis alto do Estado nesta lingua estranxeira. Sorprende que a Xunta neste caso si acredite e recoñeza os resultados dunha enquisa mentres que non fixo o mesmo co informe do Instituto Galego de Estatística publicado en 2024 no que se alertaba da perda alarmante de falantes e de competencia lingüística entre a poboación máis nova. Nesa mesma información o departamento que dirixe Román Rodríguez sacaba peito dos recursos destinados ao inglés con 690 auxiliares de conversa, 8.000 estudantes beneficiarios de programas de mobilidade e unha partida de 2.309.000 euros orzamentados para accións fóra da currículo en 2026, o que contrasta cos 450.000 euros en total cos que contarán os Equipos de dinamización lingüística, moi por debaixo dos 680.000 euros do último goberno de Fraga. 

Volver