A Consellaría utiliza a páxina web para calumniar a CIG-Ensino en plena xornada de eleccións sindicais

De web institucional a voceiro partidista

A CIG-Ensino considera un feito gravísimo a publicación dunha nota insultante e difamatoria contra esta organización durante as eleccións sindicais celebradas hoxe, día 9 de decembro, tratando de influír no voto de xeito partidista e intolerábel. É insólito que se use unha páxina institucional para atacar a unha organización sindical sen ningún tipo de fundamento.

A CIG-Ensino estuda emprender accións civís e penais contra a Consellaría. No que respecta ao contido desta nota, lembramos que o propio autor do artigo censurado se reafirma na súa denuncia e insiste en que é totalmente falso que el dese autorización para a manipulación e amputación do seu artigo. Afirma, ademais, categoricamente: “A Consellaría non pode falar no meu nome sen pórse en contacto comigo”.

Desde que a Consellaría de Educación abandonou o carácter informativo do que debe ser unha páxina web da Administración para convertela nun dos voceiros do seu partido político, este é o caso máis grave que ten producido. Agardamos a dimisión dos responsábeis de semellante arbitrariedade e abuso.

 (Vid. a ligazón: http://www.edu.xunta.es/web/node/1840)

Volver