A Consellaría saca unhas novas instrucións por mor do coronavirus deixando nas mans das direccións a asistencia do profesorado aos centros a partir do luns

Froito da presión exercida pola CIG-Ensino e polo profesorado, con numerosas resolucións de claustro aprobadas de urxencia esta mañá, a Xunta rectifica aínda que de forma insuficiente.

Un minuto antes de facelas públicas, facilitáronnos o documento ás organizacións sindicais que estabamos concentradas nas propias dependencias de San Caetano negándonos toda posibilidade de negociación. Desde o punto de vista da CIG-Ensino a Xunta mantén a irresponsabilidade de non ser contundente e decretar o peche total dos centros de ensino durante a corentena que se prevé que sexa mínimo de 14 días, aínda que considerando as previsións sobre o pico da enfermidade debería prolongarse até despois de Semana Santa.

Despois de “pecharnos” na Consellaría de Educación as catro organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial -coa intención de sermos recibidos pola conselleira e conseguir que se rectificasen as medidas publicadas hoxe no DOG con respecto á pandemia do Covid-19-, o primeiro que nos mandou a administración foi a policía a identificarnos e a ameazarnos con desaloxarnos. Tampouco lle permitiron aos medios de comunicación acceder para gravarnos.

Tan só un minuto antes de que publicaran novas medidas e instrucións na páxina web dous representantes da administración entregáronnos o novo documento que segue sen conter un pronunciamento claro sobre o peche total dos centros a partir do luns. Pola contra, deixa nas mans dos equipos directivos permitirlle ao persoal docente e non docente ter que estar presencialmente alí. 

Rectificación insuficiente

Aínda que o contido destas novas instrucións supón unha rectificación da Consellaría froito da presión exercida polo persoal docente nos centros, que hoxe aprobou numerosas resolucións de claustro negándose a ter que asistir aos centros para non ser foco de contaxio do Covid-19, na CIG-Ensino consideramos que esta resolución é irresponsábel e supón unha deixadez de funcións por parte das autoridades educativas. Ademais contrasta totalmente coa evolución dos acontecementos que levou a que o goberno do Estado se plantexe decretar o estado de alarma e a que hoxe mesmo a Consellaría de Sanidade decretase a recomendación de “illamento social” para toda a poboación galega. Ademais, desde o noso punto de vista, a única “escusa” que podía existir para manter abertos os centros era que este período de corentena coincide co prazo de admisión nos centros educativos, pero nas propias instrucións ditamínase que se vai prolongar unha semana máis despois de que se reanude a actividade lectiva. 

Despois de que se nos impedira contrastar a circular e mellorala as organizacións sindicais abandonamos as dependencias de San Caetano pero queremos agradecer o papel combativo e de responsabilidade social que amosou o profesorado. Así mesmo, apelamos tamén á responsabilidade dos equipos directivos que, aínda sabendo que non debería recaer neles esta decisión, deben facilitar que o persoal docente e eles mesmos permanezan nas súas casas durante todo período que dure a suspensión da actividade lectiva. Neste sentido, desde a CIG-Ensino consideramos que se debe ter planificada xa a extensión deste período até cando menos despois de Semana Santa dado que todo apunta a que o pico da enfermidade aínda está por producirse. Ademais o feito de coñecer esta información canto antes pode facilitarlle sobre todo ás familias a súa planificación a medio prazo.

Volver