A Consellaría remite a Oferta formativa de FP do vindeiro curso despois da súa presentación aos medios e sen ningún tipo de negociación previa

Por enésima vez a Dirección Xeral de FP actúa de costas ao profesorado e á súa representación sindical remitindo o proxecto de Orde que presentará no Consello Galego de FP, un órgano consultivo, como mero trámite e sen que se negociase na Mesa Sectorial.

A CIG-Ensino critica a ausencia total de negociación co departamento de FP tanto neste tema como en todo o que atinxe aos cambios normativos que van afectar ao profesorado destas ensinanzas a partir do vindeiro curso. Cando restan apenas 20 días para que remate o actual segue sen existir información ningunha sobre o reaxuste horario dos módulos dos ciclos que ademais ten que ser negociada coa representación sindical por afectar ás condicións de traballo docentes. O sindicato amósase moi crítico co proceder da administración galega, que leva un atraso moi importante con respecto a outras comunidades, e que tomou decisións que van condicionar de forma moi relevante a calidade destes estudos, como optar polo máximo de horas na dual xeral ou duplicar o módulo de inglés profesional, e instaráa a rectificar e a escoitar o sentir xeral do profesorado que pide diálogo e afrontar a modificación dos ciclos de forma conxunta e non só por parcelas.

Malia a ausencia de negociación, a CIG-Ensino recollerá as achegas que tanto os centros como o profesorado nos fagan chegar a galiza@cig-ensino.gal sobre o borrador da Orde que actualiza a oferta formativa de FP para 2024/25, que se pode consultar nesta ligazón.

Volver