A Consellaría rectifica e confirma que non limitará aos martes os chamamentos en primaria

O goberno do Partido Popular segue a cumprir a máxima de que só acerta cando rectifica

O venres 24 de setembro, ante as chamadas recibidas de persoal substituto nos locais da CIG-Ensino indicando que a Consellaría só ía chamar para cubrir as baixas os martes, desde o sindicato puxémonos en contacto coa administración que nos confirmou que en secundaria estaban chamando todos os días mais que en primaria tiñan orde de só chamar os martes.

Desde ese mesmo día esiximos da Consellaría unha rectificación e que chamase todos os días que fose necesario para atender as necesidades dos centros. Con anterioridade, a Consellaría viña chamando en Primaria, con carácter xeral, os martes e os venres e a CIG-Ensino, sabendo que non era suficiente, entendía que baixo ningún concepto se podería agravar esa situación.

Non cabe a menor dúbida de que só había unha explicación para este cambio nos chamamentos telefónicos: o aforro económico das xornadas laborais entre mércores e martes e, claro está, non cubrir moitas baixas que ao chegar ao seguinte martes xa non se cubrirían ou incluso non se ofertarían.

O luns 27 xa tiñamos a confirmación que en unitarias non esperarían ao martes e reiteramos a nosa esixencia dunha rectificación absolutamente necesaria e que o venres día 1 de outubro xa se chamara a persoal de primaria e infantil para cubrir as prazas necesarias.

Hoxe xa podemos dicir que a Consellaría volve acertar cando rectifica e vén de confirmarnos que atenden a nosa demanda, volvendo á situación anterior: chamarán martes e venres ao persoal substituto de infantil e primaria.

Con todo, desde a CIG-Ensino insistimos na necesidade de que, tanto en primaria como en secundaria, se chame todos os días que sexa necesario para cubrir as vacantes que se produzan nos centros, reducindo ao mínimo imprescindíbel a ausencia de profesorado nas aulas. A Consellaría debe pensar menos en “aforrar” en contratación de docentes e máis en atender os centros e o alumnado, comprometéndose a cubrir as baixas desde o primeiro día.

Volver