
A Consellaría pretende estender o copago nos comedores escolares e subir as taxas para as ensinanzas artísticas e de idiomas
A CIG-Ensino denuncia que as propostas anunciadas polo conselleiro de Educación recortan dereitos e servizos no ensino público
Neste momento a Xunta presta o servizo de comedor na minoría dos centros. O dereito do comedor escolar limítase a aquel alumnado que ten que facer uso do transporte escolar para estar escolarizado. Hoxe a maioría dos comedores escolares dos centros públicos funcionan grazas ás ANPAS e o alumnado usuario ten que pagar polo servizo. En consecuencia, se a Xunta non garante o servizo gratuíto, as familias terán que costear indirectamente a escolarización nas etapas do ensino básico.
A proposta anunciada polo conselleiro ten como único obxectivo impedir a gratuidade do uso do comedor aos que ata o de agora tiñan dereito pero non leva consigo estender o servizo a todo o alumnado con pouco poder adquisitivo de todo o ensino infantil e de primaria. Unha vez máis estamos ante un anuncio que pretende confundir cando o único obxectivo real é recortar dereitos que veñen funcionando desde hai trinta anos.
Na cruzada contra os servizos públicos e a súa gratuidade anúnciase tamén o incremento das taxas para as ensinanzas especiais (ensinanzas artísticas e de idiomas) e así facer inviábel o seu acceso ás clases populares no camiño de tender a súa privatización. A lóxica é clara, só poderán estudar os que teñan recursos para pagalas.
Todos estes recortes no ensino público contrastan coa aposta permanente polo ensino privado e relixioso como amosa a subvención con máis de 3 millóns de euros a centros que segregan alumando por razón de xénero, 240 millóns ao ensino privado concertado, incremento do 5,5% dos concertos na FP ou 29,3 millóns de euros para o profesorado de Relixión. Todo isto para recortar no ensino público que se vai ver máis agredido coas propostas anunciadas polo conselleiro onte no Parlamento.