A Consellaría presenta a oferta de FP do próximo curso con cambios laborais derivados das novas formacións aceleradas sen contraste previo co profesorado

A directora xeral avanzou que no curso 25/26 volverán publicarse instrucións provisionais para estas ensinanzas, que se “negociarán” este mes, e non deu data para dar a coñecer o borrador do Decreto galego de FP.

Esta mañá debateuse o borrador da oferta formativa destas ensinanzas no Consello Galego de FP no que, ademais das organizacións sindicais, ten representación a patronal galega e outras Consellarías. É a terceira vez que se presenta esta semana, despois de facelo ante os medios de comunicación Rueda o luns e Rodríguez o martes, e a primeira na que está presente a representación do profesorado nun órgano que é consultivo e non negociador como a Mesa Sectorial. A CIG-Ensino afeoulle á directora xeral de FP, Eugenia Pérez, que non contrastara esta oferta con quen realmente vai ter que impartila, o persoal docente e os centros, que a estas alturas carecen desta información. Ademais, aínda que mencionou que a administración está aberta a “achegas de última hora”, á vez indicou que se prevé publicala a vindeira semana polo que esas modificacións só responderán a matizacións ou erros que poida haber.

Como principal novidade destaca a creación de 21 novas titulacións de formación acelerada que se van impartir exclusivamente en centros integrados (Anexo II do borrador da Orde) o vindeiro curso e que consistirán en agrupacións de módulos pertencentes a ciclos xa existentes (tanto de grao básico, como medio e superior). Estas formacións impartiranse en horario lectivo polas tardes, asimiladas á formación modular actual, en dúas edicións repetidas ao longo do curso: de setembro a xaneiro e de xaneiro a xuño e terán que incluír mínimo o 25% da formación en empresa ou organismo equiparado.

Esta “concreción” foi practicamente a única información nova que a directora xeral avanzou na reunión a respecto do que xa publicara previamente a Consellaría. A preguntas da CIG-Ensino aclarou que o profesorado poderá escoller, dentro de cada bloque predefinido, módulos que xa forman parte dos currículos dos ciclos vixentes dos ámbitos da automoción; a hostalaría e turismo; a construción metálica e as enerxías renovábeis. Non afondou en se existirá a figura da titoría ou liberación horaria para a busca e seguimento da formación na empresa dentro destas formacións. Si se comprometeu a levar á Mesa Sectorial este mes as instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de FP no curso 25/26 que, un ano máis, serán “provisionais” á espera de coñecerse cando comezará a “negociación” do futuro Decreto galego de FP para a cal non deu ningunha data concreta.

Unha oferta cada vez máis privatizada 

A responsábel de FP da CIG-Ensino, Montse Pernas, interpelou á directora xeral polos datos de incremento da oferta privada e concertada tamén nestas ensinanzas postobrigatorias, nas que non deberan ter cabida os concertos. Neste sentido, citou as cifras fornecidas directamente pola Consellaría ao Ministerio sobre alumnado matriculado no curso 23-24 en centros privados en Galiza e que supuña o 20% do total. Así mesmo, destacou que se sigan concertando ciclos con centros relixiosos (o ano que vén implantarase o CM de Guía Natural e Tempo Libre no Seminario de Lugo, o CM de Planta química no Cristo Rey da Coruña, o CM de Actividades Comerciais no Divino Maestro de Ourense, o CS de Hixiene Bucodental na EFAG de Arzúa e o CS de Administración de Sistemas Informáticos en Rede no Montecastelo de Vigo -que até hai nada segregaba o alumnado por xénero- estes dous últimos vinculados directamente ao Opus). Neste sentido, a representante do sindicato maioritario no ensino público ironizou con que se nestes centros as inspeccións educativas van velar tamén pola “neutralidade ideolóxica” nas actividades complementarias. E engadiu “se hai unha etapa educativa na que máis presente está a ideoloxía, a ultraliberal neste caso, é a Formación Profesional, na que se deixa en mans das empresas Naturgy ou Repsol, por exemplo, a formación do profesorado sobre o novo módulo de Sustentabilidade ou se fai apoloxía da economía de guerra nas Xornadas FP Innova nas intervencións de representantes de Indra ou Navantia”. 

Tamén lle afeou que sigan autorizando ciclos privados competindo directamente cos públicos como o novo CS de Educación Infantil en Burela, “cando existe un en Ribadeo despois de que a propia directora xeral remarcara que hai un exceso de titulados e tituladas nesta rama” ou que os ciclos privados e concertados no eido sanitario en Vigo tripliquen a oferta pública.

A dualización, tamén no punto de mira sindical

Pero ademais da privatización e da burbulla de negocio que se está creando arredor da FP, a CIG-Ensino foi moi crítica coa dual intensiva e reclamou unha Mesa Sectorial específica para abordar a súa regulamentación para incluíla dentro do Decreto galego de FP e na normativa que del se emane. Neste sentido, referiuse ás numerosas queixas que lle chegan tanto de alumnado como de profesorado pola actitude das empresas e pediu que se empece a sancionar a aquelas que incumpren os convenios ou a normativa en materia laboral. “Como contraposición ao que pasa no ensino público pódese constatar o pouco interese que teñen os centros privados precisamente por este réxime”, aludindo de novo aos datos proporcionados pola Consellaría do curso 23-24 no que tanto o número de ciclos como de alumnado nesta formación en centros privados era case nulo. “Ou as empresas non queren compartir o negocio ou vese claramente que chegaron á conclusión de que é un desastre e que o alumnado non quere cursar esta vía”, concluíu.

A directora xeral reafirmou o seu compromiso con este réxime incidindo en que “se hai eivas puntuais, que tamén se producen na FCT ordinaria, intentan corrixirse” pero sen dar resposta á petición de regularizar as condicións nas que o alumnado desenvolve esta formación nin á de sancionar as empresas que aplican condicións abusivas.

Redución de oferta en tres familias profesionais 

A CIG-Ensino tamén solicitou explicacións pola redución de 32 prazas na familia profesional de Artes Gráficas, de 44 en Imaxe e Son e de 188 en Instalación e Mantemento con respecto a este curso. Os responsábeis da Consellaría indicaron que nos dous primeiros casos trátase de oferta que rota, como poden ser ciclos de dual intensiva ou modulares ordinarios, e no último que “se debe, sobre todo, a que o CS de Técnico en Prevención de Riscos Laborais pasou de estar dentro desta familia profesional á de Seguridade e Medio Ambiente por decisión do Ministerio”. A respecto doutros cambios nas familias profesionais indicaron que, de momento, todas as novas formacións que se implantarán o ano que vén no eido das novas tecnoloxías seguirán adscritas á familia de Informática e Comunicacións e non á nova de Intelixencia Artificial e Big Data. 

A aposta pola FP básica, a medias 

Aínda que a CIG-Ensino valora como positiva a ampliación do 12% destes ciclos e a súa extensión ao longo do territorio lamenta que non se cumpriran as expectativas que o propio presidente Rueda avanzara ao presentar o PlanFPGAL 360, dotado con 24 millóns de euros até 2028, e que precisamente tiña como eixo central o reforzo desta oferta educativa. Para a representante da CIG-Ensino, “23 ciclos de nova implantación de FP básica o vindeiro curso, incluídas todas as tipoloxías, dual intensiva e ordinaria, e as novas FP básica adaptada e FP para persoas adultas é unha oferta moi insuficiente”. Ademais, instou á Consellaría a que presione ao Ministerio para actualizar os actuais títulos, dado que os máis recentes datan de hai 10 anos e nin sequera existen ciclos destas ensinanzas de todas as familias profesionais. “Desde logo hai unha desproporción entre o que din que se vai gastar neste plan e o incremento da oferta de Ciclos Básicos para o vindeiro curso polo que non podemos máis que preguntarnos a onde vai parar o diñeiro prometido”, insistiu. 

Sobre o proxecto piloto de FP básica adaptada de Comercio que se vai poñer en marcha o vindeiro curso na EPAPU do Berbés, a CIG-Ensino preguntou se se vai estender a outros centros deste tipo, sobre todo polo feito de que o profesorado coñeza de antemán que pode pedir destino provisional nos mesmos. Así, a representante do sindicato nacionalista tamén se amosou preocupada polo incremento do traballo dos departamentos de Orientación tanto neste caso, porque será o encargado durante o mes de xullo de seleccionar o alumnado que cumpra os requisitos para matricularse, como nos CIFP nos que se van poñer en marcha as novas formacións aceleradas ou a FP básica para persoas adultas. En concreto, os dous novos títulos que se implantarán o vindeiro curso deste tipo son o de Mantemento de Vehículos no CIFP Ferrolterra e o de Servizos Administrativos tamén na EPAPU do Berbés. A diferenza entre estes dous tipos de FP básica para persoas adultas, é dicir para maiores de 18 anos e sen titulación da ESO nin Grao Básico,  é que no caso da adaptada se dirixe máis a persoas con diversidade funcional ou con necesidades específicas, tal e como se desprende das notas de prensa e dos requisitos contemplados no borrador da Orde da oferta.

Neste sentido, a CIG-Ensino bota en falta unha maior información sobre en que van consistir estas novas modalidades de cara ao profesorado e lamenta que todos os esforzos propagandísticos da Consellaría de Educación se dirixan cara fóra ou cara as direccións dos CIFP pero que esta comunicación non se faga directamente coa representación legal do persoal docente. 

Outra novidade que xa avanzara a Consellaría ante os medios é que se adianta o prazo de matrícula do 16 deste mes de xuño até o 2 de xullo e que as tres adxudicacións ordinarias serán no mes de xullo, manténdose o prazo extraordinario durante o mes de setembro para aqueles ciclos con prazas libres.

Centros dependentes de Medio Rural 

Por último, a representante da CIG tamén se fixo eco do malestar que hai entre o persoal de Educación que presta servizos nos Centros de Formación e Experimentación Agraria pertencentes a AGACAL. Aínda que as tentativas de vulnerar os dereitos laborais do profesorado de Educación non son novas, este curso intensificáronse coa presión por parte dalgunhas direccións de facer un horario maior de permanencia no centro, a obriga de levar a cabo actividades extra nas fincas ou explotacións que nada teñen que ver coa docencia ou ameazas de ter que acudir en xullo ao centro sen motivos académicos xustificados. A CIG-Ensino advertiu aos responsábeis de AGACAL que non vai permitir que se vulneren os dereitos do profesorado de Educación “traballe onde traballe” e lembrou que hai 30 anos que non se actualiza o convenio polo que se rexe a cesión de persoal educativo á Consellaría de Medio Rural. Así mesmo, tamén avanzou que trasladará á inspección educativa calquera incumprimento da normativa educativa que se produza nestes centros respecto da formación pedagóxica do persoal docente, da estrutura orgánica dos mesmos (Consello Escolar, departamento de Orientación, existencia dun órgano semellante aos Consellos Sociais dos CIFPs nos que se dean conta dos orzamentos...) ou doutras cuestións como a lexislación sobre convivencia, programacións didácticas, liberacións horarias dos equipos directivos etc .

Volver