A Consellaría non vai convocar o concurso específico para postos de escolarización de alumnado de atención preferente

A CIG-Ensino teme que a medida poida desembocar nun maior recorte de prazas para a atención ao alumnado con necesidades de apoio específico

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación non convocará o concurso específico de prazas para a atención preferente para o vindeiro curso. A inspección educativa está informando aos centros que se prorrogará un curso máis a aquel profesorado que remataba este ano, quedando sen ofertar todas as novas necesidades.

As prazas de atención preferente, sendo un parche para tapar as numerosas necesidades non atendidas por profesorado definitivo nos centros, permiten dotar os centros de ensino de profesorado especializado para atender o alumnado con necesidades educativas graves e permanentes. Esta decisión, se non se acompaña dun incremento importante de prazas provisionais para o curso 2025/26, suporá unha regresión inadmisíbel nos dereitos do alumnado máis vulnerábel do sistema educativo galego.

Os postos de atención preferente, aínda non sendo a mellor das solucións, como ten argumentado reiteradamente o sindicato, mitigaban parcialmente os insuficientes recursos profesionais cos que contan os centros educativos. Por iso é inaceptábel que a administración o anule este curso, impedindo que se oferten numerosas prazas que permitían a estabilidade do profesorado nelas, asegurando unha atención continuada, profesional e adaptada ás necesidades reais do alumnadodurante toda a súa escolarización. Sen este procedemento, os centros veranse obrigados a cubrir estas necesidades mediante vacantes provisionais durante un único curso con persoal que non terá por que posuír a formación axeitada, o que pon en risco a inclusión do alumnado afectado.

No curso pasado, no que xa se produciu un recorte, foron 162 as prazas ofertadas e moitas delas tiñan un perfil moi específico. Por iso, chama a atención que a propia Consellaría pase de anunciar unha “estratexia de inclusión educativa” a provocar que todas as novas prazas que se terían cuberto cunha mestra ou mestre especialista con continuidade, queden agora pendentes de seren ofertadas ou non, e no caso de que o sexan, sen máis continuidade que un só curso e sen perfil específico.

Desde a CIG-Ensino exiximos á Consellaría:
  • A convocatoria inmediata do concurso de prazas de atención preferente para o curso 2025-2026.
  • A creación de máis prazas de PT e AL con carácter definitivo en lugar de precarizar a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais. O actual catálogo de postos de traballo dos centros de infantil e primaria permite aumentar estes docentes especialistas en función das necesidades reais existentes.
  • Un compromiso real coa educación inclusiva e equitativa, como marca a lexislación vixente e os principios básicos dun sistema educativo público e integrador.

Volver