A Consellaría négase a dotar o CEIP de Sober do profesorado necesario para desdobrar un agrupamento que supera as ratios
A Consellaría de Educación négase a dotar o CEIP de Sober do profesorado adicional que lle corresponde para desdobrar o agrupamento de 1º e 2º de Primaria, malia superar as ratios establecidas na normativa vixente.
No centro existe un agrupamento de 1º e 2º que excede a ratio de referencia (14 alumnos/as) e que, en consecuencia, debería ser desdobrado para garantir unha atención educativa axeitada e as condicións de aprendizaxe do alumnado.
A CIG-Ensino trasladou esta situación á Xunta de Persoal da provincia de Lugo en outubro de 2025, cando o agrupamento contaba con 15 alumnos/as e xa superaba a ratio indicada. Nese momento, a Xefatura de Inspección respondeu que, “segundo a normativa vixente, pódese autorizar un incremento de até o 10 % da ratio por aula para atender incorporacións tardías en períodos de escolarización extraordinaria”, e concluíu que non procedía o desdobre.
Porén, en decembro de 2025 producíronse novas incorporacións que fixeron que o grupo superase tamén ese límite do 10 %, polo que o desdobre pasou a ser obrigado. Nesas datas, a CIG-Ensino mantivo unha reunión presencial co inspector do centro, quen confirmou esta circunstancia e indicou que remitiría un informe á Xefatura de Inspección para o seu traslado a Recursos Humanos e a activación dos trámites necesarios.
Ao comprobar que en xaneiro de 2026 o centro seguía sen incorporar o docente necesario para efectuar o desdobre, a CIG-Ensino púxose en contacto coa Consellaría de Educación para coñecer o estado da tramitación. A resposta trasladada foi que, se o centro está a funcionar “ben” na situación actual, non sería preciso desdobrar, segundo a Consellaría, que ademais di contar con esa mesma valoración a nivel provincial. Esta postura da Consellaría desvirtúa o cumprimento das ratios e a obriga de aplicar a normativa vixente, substituíndo un criterio obxectivo por unha valoración subxectiva do funcionamento do centro.
Deste xeito, a falta de desdobre no CEIP de Sober non responde nin á inexistencia de necesidade nin a impedimentos organizativos, senón á decisión da Consellaría de non impulsar a tramitación que procede para adaptar os recursos do centro ás ratios establecidas.
A CIG-Ensino exixe que se proceda con carácter urxente ao desdobre do agrupamento de 1º e 2º no CEIP de Sober, adoptando de inmediato as medidas de dotación e organización necesarias e garantindo unha atención educativa axeitada ao alumnado.
Novas relacionadas

