
A Consellaría na obsesión de reducir o dereito a comedor gratuíto dita instrucións que desenvolven un decreto que esta sen publicar
Para a CIG-Ensino a pretensión da Consellaría é a de acelerar o máximo posible recortes
Trátase dunha actuación ilegal e mesmamente insólita xa que desenvolve, antes da entrada en vigor do novo decreto de comedores, a súa aplicación. Esta actuación incorrecta amosa unha falta de seriedade impropia dunha administración pública.
A propia Consellaría de Educación non ten inconveniente en saltarse as súas propias normas de funcionamento co único obxectivo de recortar dereitos e o acceso gratuíto ao comedor a unha parte importante do alumnado xa que nestas propias instrucións recolle a cantidade que terán que aportar os/as usuarios/as polo servizo.
Para a CIG-Ensino a pretensión da Consellaría é a de acelerar o máximo posible recortes nun servizo complementario. Seguramente, de actuar segundo os propios e normais mecanismos da administración, é dicir, non desenvolver unha norma até que estea aprobada, a Consellaría tería problemas para aplicar os criterios restritivos do decreto e cobrar polo servizo.