A Consellaría limita a modificación dos catálogos dos centros de infantil e primaria ás prazas de PT e AL
O documento que entregou onte en papel na Mesa Sectorial non aborda as prazas das outras especialidades e, a falta dunha análise polo miúdo da situación dos centros, semella que non suporá un incremento real de especialistas para atender a diversidade
A CIG-Ensino, alén de cotexar as prazas destas dúas especialidades que hai nos centros por riba de catálogo, elaborará unha proposta global para defender a necesidade de actualizar unha relación de postos de traballo aprobada hai 19 anos que presentará mañá. Tanto centros como profesorado poden enviar achegas ao correo: galiza@cig-ensino.gal
Unha vez máis a Consellaría xogou coas expectativas creadas polos seus anuncios propagandísticos. Tras as declaracións de Rueda e Rodríguez primeiro, e a inclusión na orde do día da Mesa Sectorial despois, dun punto que levaba por título Proposta de modificación dos catálogos de postos de traballo de Educación Infantil e Educación Primaria, o documento presentado na mesma en papel e ás 13:30 horas cando xa só restaban os Rogos e preguntas limítase a propoñer unha addenda ao Acordo asinado en 2007 por todos os sindicatos e que supuxo a incorporación de 1.000 mestres e mestras máis. A proposta da Consellaría só contempla unha modificación dos postos de especialistas de Pedagoxía Terapéutica e de Audición en Linguaxe nos centros de educación infantil e primaria (CEIP) e nos centros públicos e integrados (CPI) que superen as 11 unidades. Non se mencionan as EEI, CRA nin CEE. En concreto, o documento presentado para a súa negociación detalla o seguinte:
A CIG-Ensino volveu criticar a forma de actuar da Consellaría e pediu unha nova Mesa Sectorial para poder valorar as achegas presentadas polo sindicato despois de ter tempo para analizar o documento e contrastalo co profesorado. As outras tres organizacións sindicais fixeron as súas achegas nese momento e pediron negocialo nunha reunión coas organización asinantes do acordo de 2007 ao que a Consellaría se negou. Para a CIG-Ensino as negociacións teñen que ser todas na Mesa Sectorial pero resulta sorprendente que neste caso, no que a CIG é asinante do acordo, non se queira facer baixo ese paraugas, mentres que noutras como a do acordo 2023 ou o de interinos e interinas o faga sempre. A administración demostra deste xeito que a súa intención é deixar fóra á CIG das negociacións pero neste tema non pode facelo de forma tan descarada. Finalmente a CIG-Ensino comprometeuse a enviar as súas achegas mañá, ante a premura da administración. Para a súa confección agarda contar coas achegas dos centros e do profesorado que poden consultar o documento actualizado coa situación dos catálogos de postos de traballo do corpo de mestras nesta ligazón.
A falta dunha análise polo miúdo, nunha primeira valoración semella que actualmente xa hai moito profesorado de PT e AL por riba de catálogo nos centros tanto pola inclusión de 135 vacantes itinerantes destas dúas especialidades no Concurso Xeral de Traslados de 2018, grazas á presión da CIG-Ensino, como á prórroga das prazas de atención preferente que non se convocaron nin para o curso 23/24 nin para o actual, como á dotación, escasa iso si, que se fai destes profesionais ante as necesidades dos centros. Nos últimos anos tamén existían máis especialistas froito das contratacións dos plans Mega e Proa+, polo que agás en centros moi contados semella que a proposta da Consellaría só vai servir para transformar persoal temporal en fixo.
A CIG-Ensino volveu incidir en que para abordar unha verdadeira atención á diversidade é precisa a baixada de ratios en todas as etapas educativas; a dotación de máis persoal para facer desdobres, apoios e reforzos e contar con máis persoal de orientación tanto nos centros como nos EOE, e que a súa decisión sexa vinculante á hora de planificar e xestionar os recursos que se contan para atender o alumnado con todo tipo de necesidades.

