A Consellaría facilita os datos de aulas habilitadas un mes e medio despois de que llos solicitara a CIG-Ensino

Ante o silencio da administración o sindicato ameazara con denunciar a situación á Valedora do Pobo por incumprimento da lei de transparencia informativa

Agardamos que a publicación dos datos de contaxios e centros afectados non se demore o mesmo tempo que esta solicitude e animamos ao actual equipo da Consellaría a que cumpra as obrigas de transparencia que marca a normativa.

A Consellaría de Educación vén de publicar hoxe a relación de unidades de educación infantil, primaria e educación especial habilitadas este curso para dar cumprimento á ratio legal máxima de 25 alumnos e alumnas por aula e que a administración vendeu como se fora un reforzo ante a situación ocasionada pola Covid-19. Pero malia a propaganda vertida desde o mes de xullo ata hoxe non se coñecían os datos desagregados deses desdobres. Non foi porque a CIG-Ensino nos o reclamara. O pasado 14 de agosto remitimos unha solicitude formal de acceso a información pública para coñecer cal era a relación de centros nos que se habilitaron as novas aulas, vencendo xa o prazo para obter unha contestación oficial. 

Unha vez relevado o equipo da Consellaría volvemos poñernos en contacto cos novos responsábeis para esixir estes datos e, despois de anunciar que recorreriamos á Valedora do Pobo, contestáronnos que “esa documentación se traspapelara”. Hoxe e despois de telo solicitado insistentemente deciden publicala. Benvida sexa a transparencia que esperemos que apliquen de inmediato a outra cuestión que nestes días está preocupando a toda a comunidade educativa, o número de casos positivos detectados nos centros educativos e a súa afectación en canto a aulas pechadas e a alumnado e profesorado en corentena. Non é de recibo que tanto familias como persoal docente e non docente se estean enterando pola prensa desta información e mesmo persoas afectadas, contaxiadas ou en contacto con positivo, estean a recibir informacións contraditorias sobre realizar illamento ou incorporarse ao centro.

Volver