A Consellaría executa e anuncia plans millonarios para a FP sen que se traduza nunha mellora das condicións laborais do profesorado nin nun incremento considerábel da oferta pública

Entre o Plan Conecta FP, o Plan FPGal360 e o Plan Innova FP suman preto de 100 millóns de euros desde 2023, uns fondos que maioritariamente se destinan a propaganda e a satisfacer as necesidades das empresas.

Nunha concentración de delegados e delegadas coincidindo coa xornada inaugural do FP Innova, púxose de manifesto que se hai un profesorado que cada vez ten menos peso no seu traballo puramente docente e unhas ensinanzas nas que o sector privado campa ás súas anchas tanto en oferta como en influencia esa é a Formación Profesional. Ademais, agora coa consolidación da figura do profesorado asociado o risco de que se privatice tamén a docencia é xa unha realidade. O propio presidente Rueda anunciou esta medida estrela na aprobación do Decreto Galego de FP que, xunto co persoal experto do sector produtivo e o senior de empresa, permitirá que persoas sen titulación afín nin formación pedagóxica poidan compatibilizar o seu traballo público e privado e sexan contratadas directamente pola Consellaría sen necesidade de pasar ningún proceso selectivo. Por todas estas afrontas, a CIG-Ensino entregoulle aos asistentes unha táboa reivindicativa específica para estas ensinanzas e fai un chamamento especial ao profesorado de FP a secundar masivamente a folga do 28 de abril.

Durante a inauguración esta mañá do Congreso de Innovación da FP a cargo do conselleiro de Educación quen, por certo, interveu en castelán durante a mesma, púidose comprobar o entreguismo absoluto das políticas da Consellaría aos lobbies empresariais. Nun evento no que estaban convidados como ponentes CEOs e directivos de grandes multinacionais (curiosamente todos homes), os e as asistentes recibiron a dose habitual de propaganda sobre os Plans da Consellaría para estas ensinanzas. O último, o Plan Innova FP que suma 38,5 millóns de euros desde 2023 e que foi aprobado esta semana polo Consello da Xunta. Un plan que, xunto co Conecta FP (30,7 millóns de euros) e o FPGAL360 (24 millóns de euros), suman preto de 100 millóns de euros destinados sobre todo a satisfacer as necesidades das empresas e que non teñen a incidencia que deberan nin no incremento da oferta pública presencial, tanto ordinaria como modular, nin por suposto na mellora das condicións do profesorado destas ensinanzas nin na dotación dos centros educativos públicos. Pola contra, o persoal docente ve que cada vez se incrementa a esixencia ao respecto da súa competencia profesional sen que se actualicen os currículos dos ciclos nin os temarios das oposicións; novas formacións como as aceleradas deseñadas á carta para as empresas, cursos de especialización e dobres titulacións sen formación previa; acreditación de competencias e impartición de graos C nos centros públicos; sistemas de calidade; proxectos de innovación para obter financiamento; busca de empresas para o incremento das horas de formación nos ciclos ordinarios e disociación absoluta entre os contidos curriculares e as competencias adquiridas durante estas estadías formativas; xestión de alumnado con necesidades e moita diversidade sobre todo en ciclos de FP básica e ciclos medios; compras, mantemento e actualización de equipamentos... Nin unha soa mellora laboral viu o profesorado de FP nos últimos anos. Mantense o horario de 20 horas, co agravante de que nos CIFP as sesións son de 60 minutos. Mantéñense ratios imposíbeis, con 20 na FP básica, 50 en ciclos a distancia ou 30 en ciclos con carácter eminentemente práctico. Mantéñense centros con máis de 1000 estudantes con unha soa persoa no departamento de Orientación. Mantéñense salarios conxelados pola Consellaría que ve que lle está custando atopar profesorado dalgunhas familias profesionais, como Informática e Comunicacións, Electricidade e Electrónica ou Fabricación Mecánica porque as condicións son menos competitivas que as do sector privado e mantense sobre todo a falta de diálogo e de escoita de quen está día a día nas aulas ante unha reforma da FP que en Galiza empeorou a xa de por si nefasta normativa estatal para estas ensinanzas.

Por todo isto, esta mañá un grupo de delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse na Cidade da Cultura para entregarlle ás persoas asistentes ao FP Innova, tanto profesorado como alumnado, unha táboa reivindicativa para estas ensinanzas e que se resume nos seguintes seis puntos:

  • Reforzo da oferta pública e couto da privada. Incremento dos ciclos, sobre todo de FP básica e medios en todo o territorio para evitar zonas de sombra e desigualdade entre alumnado polo seu lugar de residencia. Maior control da inspección sobre os requisitos de profesorado, espazo e calidade das ensinanzas nos ciclos privados e concertados.

  • Aposta pola formación presencial e a dual ordinaria, en detrimento da dual intensiva e a formación a distancia. Cómpre ademais regular a dual intensiva para evitar discriminacións na selección, abusos de poder e desaxustes curriculares na formación na empresa, fixar o contrato de formación en alternancia como réxime de relación laboral entre o alumnado e a empresa e para ter un marco normativo claro ao que acollerse dado que actualmente non existe, rematar o período formativo o 31 de xullo...

  • Derrogación do Decreto 20/26 de ordenación xeral da FP do sistema educativo de Galiza e elaboración dunha nova normativa consensuada co profesorado e coa súa lexítima representación sindical. Eliminación da figura do profesorado asociado e limitar legalmente a presenza do persoal experto do sector produtivo e sénior de empresa para evitar a privatización da docencia na Formación Profesional e o agravio comparativo co persoal do sistema público.

  • Actualización do currículo dos ciclos mediante grupos de traballo abertos coa introdución en todos eles dun módulo optativo de carácter profesional que permita paliar a perda de horario competencial nos centros educativos. Analizar o incremento da duración total de moitos ciclos por riba das 2000 horas, como permite a normativa estatal, coa introdución de máis módulos profesionais ou dun módulo de Galego que lle permita ao alumnado rematar co Celga 4 tras cursar CM e CS.

  • Menos Educalidade e máis atención á diversidade. Eliminación dos sistemas de xestión empresarial nos centros educativos e introdución do funcionamento democrático nos Centros Integrados de Formación Profesional. Dotación de máis persoal de Orientación e doutros perfís de reforzo para atender a diversidade nos centros (sobre todo na FP básica en igualdade de condicións cos Programas de Diversificación Curricular que teñen profesionais de PT, reforzos...) e redución de ratios que permitan facer desdobres fundamentalmente nos módulos de maior risco na realización das prácticas.

  • Recuperación de dereitos e avance noutros novos. Formación a conta da administración e non a conta propia. Volver ás 18 horas máximas lectivas semanais cunha compensación proporcional á duración das sesións de 60 minutos nos CIFP. Formación docente durante o curso académico (estadías formativas en empresas nacionais e internacionais como xa existiron no seu día incluídas as de modalidade lingüística, elaboración de materiais didácticos mediante licenzas de formación retribuídas...), axilidade na substitución das vacantes para que o alumnado non pase máis de un mes sen docente etc.

  • Revalorización salarial e equiparación entre corpos. Negociación de incrementos salariais no complemento autonómico para todo o profesorado que permita paliar a perda do poder adquisitivo e o incremento dos prezos. Ademais, na Formación Profesional cada vez é máis complicado atopar profesorado substituto nalgunhas familias porque os salarios son inferiores aos do sector privado, polo que é imprescindíbel recuperar o pagamento do verán para quen traballe 5 meses e medio e aprobar un complemento equiparador para que o profesorado especialista de sectores singulares da FP cobre o mesmo que os outros dous corpos docentes que imparten nestas ensinanzas.

A CIG-Ensino anima ao profesorado de FP a secundar masivamente a folga do día 28 para esixir estas e outras reivindicacións así como maior transparencia e diálogo coa administración. Despois de que a Dirección Xeral de FP se negara a comparecer na Mesa Sectorial para negociar a aplicación da reforma da FP en Galiza e rexeitara as preto de 40 emendas presentadas pola CIG-Ensino (fronte ás 6 en total dos outros 3 sindicatos) ao Decreto Galego de FP no Consello Escolar de Galiza está claro que a actitude que mantén cara ao seu persoal docente é de soberbia, autoritarismo e mero utilitarismo para as súas fins propagandísticas e privatizadoras. É por isto que sobran os motivos tamén na Formación Profesional para facerse oír e plantarlle cara á Consellaría o próximo martes.

Volver