A Consellaría estafa nas nóminas de xaneiro: non aplica integramente a mínima suba na titoría e nos sexenios

A CIG-Ensino denuncia unha enfermiza disposición da Xunta a recortar todo o que poida, mesmo de onde case non hai nada que recortar

Todo o profesorado lembra perfectamente como se quixo comprar a vontade de quen, en outubro de 2023 negociaba na Mesa Sectorial a mellora nas condicións laborais do persoal docente. Como é sabido, conseguírono cunha minoría sindical que lle valeu de acompañamento ao presidente Rueda nun pacto polo que se renunciaba a dereitos laborais a cambio dunha suba salarial mínima e segregadora, rompendo un principio básico de todas as negociacións salariais no marco da Consellaría desde 1990: os incrementos salariais aplicábanse a todo o mundo por igual. 

No “acordo da vergoña” de 2023 tamén houbo moedas a cambio de condicións de traballo. Xunto ao “non” rotundo a recuperar os horarios lectivos que nos arrebataron (18 sesións nos corpos de secundaria e 21 en primaria) ou a aplicar as ratios en todas as ensinanzas, progresivamente mais con carácter inmediato, a Consellaría puxo enriba da mesa unha exigua dádiva para unha parte do profesorado e unha esmola para todas e todos. 

Na nómina do mes de xaneiro de 2025 complétase a única suba xeralizada para todo o profesorado: logo de subir 5,22€ hai un ano correspondía agora incrementar outros 5,74€. É a esmola incorporada no complemento de titoría e que se corresponde co 10% de xaneiro de 2024 e un novo 10% no 2025. Non nos chegan os petos para recoller tanto diñeiro!

Outra suba que se completou en xaneiro de 2025 foi a dos sexenios. Novamente o incremento se dividiu en dous tramos: 10% no 2024 e 10% no 2025. Esta suba deixa fóra a todo o profesorado incorporado nos últimos anos e é mínima para quen ten menos de 3 sexenios.

A terceira pata da compra dos dereitos a cambio de cartos tampouco afecta a todo o profesorado, xa que se limita a cargos unipersoais de goberno (incluíndo responsábeis de centros de 3 unidades, inspección, persoal asesor, entre outros) e é unha contía fixa en tres cómodos prazos de 20€ cada un. 

Cun reparto directo e lineal de todos os cartos para todo o profesorado, a suba afectaría e beneficiaría á maioría do profesorado e non implicaría o perigoso precedente que se acaba de executar: a división do profesorado.

Quen fai a lei, fai a trampa

Na revisión da orde de confección de nóminas para o ano 2025 a CIG-Ensino detectou un novo roubo nos nosos petos. 

Nas contías da orde e nas nóminas que acabamos de recibir, o aumento nos sexenios e na titoría non é do 10% sobre a cantidade que percibiamos en 2024, senón que se calcula sobre a aplicada en xaneiro de 2024. É dicir, en lugar de calcular o 10% sobre o salario actualizado de 2024, como correspondería, en 2025 volveron tomar como referencia o soldo de 2023, reducindo así o incremento real. 

As contías que nos furtan son, nestes exemplos, as seguintes: 

  • Na titoría soben 5,22€ no canto de 5,74€. A Consellaría queda con 0,52€ por docente.
  • Para quen teña 3 sexenios a suba quédase en 28,33€ en vez de chegar a 31,17€. A Consellaría queda con 2,84€ por docente.
  • E quen teña 5 sexenios cobrará 50,59€ máis que no 2024, cando a suba debería ser de 55,67€. A Consellaría queda con 5,08€ por docente.

A sacuma a nivel individual ten a relevancia que ten para cadaquén, mais se pensamos no que implica o montante total para máis de 30.000 docentes é doado entender que hai erros que non parecen tal cousa. 

Hai que ter en conta que chove sobre mollado: no verán de 2024 a CIG-Ensino denunciou publicamente que a Xunta non ía aplicar a suba do 2% nos complementos afectados polo “acordo da vergoña”: unha vez descuberta a xogada, a Xunta rectificou, alegando que se trataba dun erro e que xa o solucionara internamente con Facenda e aplicaba esa suba. 

A CIG-Ensino exixe que a Consellaría deixe de rapinar e rectifique novamente, aplicando a suba como ten que facer. 

Como acontece noutros aspectos do “acordo da vergoña” (ratios, aulas mixtas, cómputo de alumnado con discapacidade) ou doutros como o do persoal interino, a CIG-Ensino vai seguir fiscalizando os reiterados incumprimentos que se dean. Non ser parte dun mal acordo non limitou nunca ao sindicato maioritario a denunciar todas as falcatruadas que comete a administración. Se enganan o profesorado non imos mirar cara outro lado aínda que non sexamos parte ou cómplices do engano.

 

CIG-Informa Xunta estafa coa suba

Documento


Volver