A Consellaría desoe o clamor contra os recortes e consuma o peche e traslado de ensinanzas de varios centros docentes.
Publica o Decreto que impón o peche do CEIP Emilio Navasqüés e o traslado de ensinanzas de varios CPI sen atender as demandas de familias, profesorado e concellos.
A Consellaría de Educación tiña a decisión tomada desde o primeiro momento e o Decreto que impón o peche ou traslado de ensinanzas de varios centros leva data do 22 de xuño. A mesma data na que o goberno da Xunta comunicou os peches telefonicamente ou coa presenza a última hora de responsábeis da Xefaturas Territoriais. O carácter autoritario da Consellaría queda de novo en primeiro plano, cunha incapacidade para negociar e chegar a acordos.
A situación do profesorado afectado
No Decreto, a Consellaría non define en que situación vai quedar o profesorado afectado e limítase a unha referencia xeral ao Decreto 140/2006 polo que se regula a perda de destino do persoal docente, adiando a aplicación desta normativa a un desenvolvemento posterior do Decreto, que terá que pasar pola Mesa Sectorial. Segundo información da propia Consellaría, esa Mesa convocarase antes de finais de mes de xullo, nunhas datas que para a CIG-Ensino son totalmente inapropiadas. Ademais, situámonos nunha negociación que se vai limitar a aplicar os efectos dos recortes no profesorado, cando o lóxico e normal é que a Consellaría tivese negociado previamente coa representación do profesorado e do resto da comunidade educativa o futuro dos centros docentes que agora se ven empurrados a un peche ou traslado de ensinanzas impostos unilateralmente pola Consellaría.
En todo caso, desde a CIG-Ensino entendemos que nos atopamos cun novo exemplo de mala xestión e de desprezo cara o profesorado afectado, xa que este non sabe se vai ter que trasladarse aos centros que acollan o alumnado dos centros que pechan ou perden ensinanzas ou terá que pedir destino provisional para o curso que ven noutro centro docente.
Porén, o máis relevante é a decisión da Consellaría de actuar de costas á comunidade educativa e de incidir nunha política de recortes de aulas e profesorado, envolvendo as súas actuacións en contra do ensino público en eufemismos como “reorganización de centros” ou “optimización de recursos” nas que xa ninguén cre.
Como CIG-Ensino alertamos novamente contra a política de redución de postos de traballo no ensino público que se evidencia coa publicación deste Decreto mais que tamén toma corpo novamente neste accidentado final de curso coas supresións e desprazamentos que a Inspección educativa está a comunicar desde finais de xuño.
Novas relacionadas