A Consellaría descarta novamente a continuidade dos contratos ARCO

Por segunda vez no que vai de trimestre a CIG-Ensino instou á Administración a prorrogalos máis alá de decembro

A CIG-Ensino ten denunciado en numerosas ocasións que os programas ARCO, Proa e similares non son máis que parches e que o que tiña que facer a Consellaría é dotar aos centros educativos do profesorado necesario nos seus cadros de persoal para atender todas as necesidades educativas, e máis aínda se falamos de necesidades específicas de apoio educativo.

Pero unha vez que a Consellaría opta por usar os plans do Ministerio para estes parches o que non é de recibo é dicir que se dá por bo un programa de reforzo que na práctica dura, no mellor dos casos dous meses e medio e nalgúns menos de dous meses, cando se anunciara pola propia Consellaría que serían para todo o trimestre escolar. 

A Consellaría argumenta que os fondos enviados polo Ministerio e a Unión Europea  teñen carácter finalista e non poden ir máis alá deste ano natural. Indican que ao comezar con retraso xa terían  computado un maior número de contratos dos previstos para poder executar todo o orzamento asignado, obviando nesta xustificación que tardaron semanas en cubrir as vacantes de ARCO nalgúns dos centros, e esas semanas tampouco se van recuperar. 

Por parte da CIG-Ensino non aceptamos esta argumentación e seguimos esixindo que se amplíen os ARCO como mínimo até febreiro, e se teñen que ser con fondos da Consellaría pois que así sexa, pois as necesidades do ensino público galego e concretamente do noso alumnado non entenden de onde veñen os cartos: só entenden de ter nos centros o profesorado necesario. 

CIG-Informa A Consellaría descarta novamente a continuidade dos contratos ARCO

Documento


Volver