A Consellaría desatende as peticións de profesorado de reforzo das EOI e obriga a adiar exames

A cancelación das probas afecta a máis de 3000 persoas matriculadas que se enteraron do adiamento dos exames a poucas horas do seu comezo

A Consellería, malia ser coñecedora dende hai tempo de que non era posible enviar profesorado de reforzo, decidiu non tomar ningunha decisión ata o último minuto, en que carga toda a responsabilidade sobre as Escolas, deixando nas súas mans a cancelación das probas, cando unha decisión dese tipo é responsabilidade da Consellaría.

Exames de galego

A Consellaría non asumiu as súas funcións ao non dotar de profesorado de reforzo os departamentos de galego para que poidesen avaliar os exames libres que ían ter lugar neste mes. Isto obrigou a cancelar as probas libres dos niveis B2 e C1 en todas as Escolas. Ademais, nunha nota informativa enviada onte pola tarde ás EOI, a Consellaría pídelles que continúen coas probas que poidan (o "ti vai facendo" ao que sempre se agarra a Consellería dende o comezo da crise provocada pola Covid-19), algo que vai en contra das súas propias instrucións que indican que as probas deben ser unificadas para toda Galicia e, polo tanto, realizarse ao mesmo tempo.

Exames de inglés

Na EOI de Santiago adiáronse as quendas libres de B1, B2 e C1. En Ferrol e Vigo os exames libres de B2 e C1 foron cancelados. Na de Ferrol, tamén se cancelou o nivel B1 para o alumnado libre e na de Lugo, o nivel C1. Noutras decidiron seguir adiante coas probas por contar con departamentos amplos, mais sendo conscientes de que implica unha sobrecarga de traballo que non terían se a Consellaría actuase coa dilixencia que se lle supón a unha administración.

Volver