A Consellaría debe evitar agravios comparativos de cara ao CXT na acreditación da competencia dixital docente

Hoxe publicouse a relación provisional con prazo até o 7 de novembro para reclamacións. Foron desestimadas a práctica totalidade das solicitudes.

Na comisión na que a Consellaría deu conta das solicitudes admitidas para o recoñecemento da CDD a través de titulacións ou de evidencias, a CIG-Ensino criticou a falta de transparencia do proceso e fixo énfase en que se recoñezan de oficio os roles e a formación para que se garanta a igualdade de oportunidades a todas as persoas que van participar no Concurso de Traslados.

A Consellaría publicou hoxe a Resolución provisional do proceso de acreditación da Competencia Dixital Docente (CDD) dando un prazo de 5 días hábiles para presentar posíbeis reclamacións, é dicir, até o 7 de novembro. Durante a comisión na que se deu conta do resultado deste procedemento a CIG-Ensino amosou a súa sorpresa polo elevado número de solicitudes desestimadas. No caso do recoñecemento de niveis de A1 e A2 por titulacións foron 162 as solicitudes presentadas das que se descartaron. No que respecta ao recoñecemento de evidencias presentáronse 244 solicitudes de recoñecemento e foron desestimadas 205. Unicamente se recoñeceron 22 niveis C1, 18 niveis C2 por áreas e 3 C2 completos. Como causas desta elevada desestimación a Consellería indicou a entrega de documentación sen relación coas CDD, a non accesibilidade ás evidencias das que se solicitaba o recoñecemento ou a solicitude de recoñecemento de formación da que xa dispoñían as persoas solicitantes e que non era, por outra parte, obxecto desta convocatoria.

Para evitar que se produza esta situación a CIG-Ensino reclamou que se actualice a listaxe de roles e da formación que se recoñece de oficio xa que se están recoñecendo por esta vía certos roles que non constan no documento publicado pola Consellaría. publicada para estes efectos. Neste sentido, si publicou un novo anexo para recoñecer o nivel B2 para directores/as de centros concertados-privados que desempeñaran este posto durante cando menos 2 anos. A administración contestou que procederá a modificar esta listaxe en breve.

Evitar agravios comparativos de cara ao CXT

Ademais, tendo en conta a proximidade do CXT, a CIG-Ensino alertou á Consellería para que teña recoñecidos os méritos de oficio, as evidencias e as titulacións, en tempo e forma de xeito que non se produzan agravios comparativos. É importante que non se dea o caso de persoas cos mesmos méritos (roles ou formación desempeñados) recoñecidos a unas e a outras non.

Por outro lado, desde a CIG-Ensino insistimos na necesidade de que se nos convoque como representantes do profesorado ás comisión técnicas nas que se avalían as solicitudes. Neste caso ademais a avaliación e valoración no que ten que ver con premios e publicacións é análoga á que se realiza no CXT e desa comisión si formamos parte as organización sindicais. “Non nos parece de recibo que se nos convoque para mostrarnos unha avaliación xa feita e na que a voz que se nos outorga na convocatoria non sexa oída na práctica. Isto é un proceder que se vén repetindo en distintas convocatorias (prazas sometidas a convenio, licenzas por formación agora só das non retribuídas), que xa denunciamos como opacas e faltas de transparencia, e ás que como sindicato non queremos servir de aval. En relación con estes aspectos, tamén solicitamos que se nos envíen as actas das reunións das comisión de valoración para que o profesorado poida ter coñecemento do que nelas se trata”. O presidente da comisión de acreditación dixo que tomaría nota de ambas peticións da CIG-Ensino.

 

Volver