A Consellaría de Educación veta o debate do anteproxecto da LOMCE no Consello Escolar de Galiza
Negouse a incluír o debate na orde do día do pleno deste xoves 21
A Consellaría de Educación dá mostras dunha actitude totalitaria ao negarse a debater sobre a LOMCE no máximo órgano de participación educativa de Galiza, malia que o seu vicepresidente apoiou o anteproxecto no Consello Escolar do Estado, sen coñecer previamente a posición do órgano que representa.
Esta actuación é moito máis grave se temos en conta que estamos ante unha lei que invade numerosas competencias que exerce actualmente a Consellería de Educación e que o PP pretende trasladar a Madrid, que recentraliza e españoliza o sistema educativo, impide a vehiculización do ensino no noso idioma, coa proposta que fai de clasificación das diferentes materias e de reválidas ao remate dos niveis educativos, co obxectivo de uniformizar a educación para todo o Estado ou prohibir na práctica a inserción do ensino na nosa realidade cultural e histórica.
Como xa ten denunciado a CIG-Ensino, esta lei inclúe estes e outros aspectos retrógrados e involucionistas, como a confesionalidade e outras propostas superadas mesmamente polo franquismo.
Esta actitude da Consellaría de Educación contrasta co rexeitamento do profesorado, confirmado pola recollida pola CIG-Ensino de máis de 10.000 sinaturas de docentes contra a LOMCE.