A Consellaría de Educación ten como responsábel directo do pretendido control pedagóxico dos centros a un ultra

CIG-Ensino pide o cese do subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo e de quen alente unha deriva ultra reaccionaria na avaliación do sistema educativo.

A polémica creada nestas últimas datas, logo da comparecencia do conselleiro de Educación para xustificar a incorporación do concepto de “neutralidade ideolóxica” e a consideración dos cambios nas actividades complementarias como “moi” excepcionais, centrouse na necesidade de comunicar estes cambios á inspección educativa e no “esquecemento” de citar outros principios fundamentais que rexen a función docente, como destacou a CIG-Ensino nun primeiro comunicado nada máis escoitar os inexplicábeis razoamentos do conselleiro e, nunha valoración máis detallada do sindicato unha vez que estas instrucións se publicaron no DOG.

Diante do que pode parecer algo anecdótico e sen relevancia (que a inspección coñeza os cambios que desde un centro se efectúen nunha Programación Xeral Anual) agóchase, como advertiu a CIG-Ensino, o intento de predispoñer aos centros e, máis concretamente, ás direccións a unha sorte de censura previa á hora de tomar determinadas decisións, interferindo politicamente na autonomía pedagóxica dos centros. 

Quen está detrás destas decisións? 

Se a decisión que se toma é impresentábel, tanto no fondo como nas formas, o tema adquire unha maior gravidade se temos presente quen está detrás. As instrucións están asinadas pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa e o máximo responsábel da inspección educativa e da avaliación do sistema educativo baixo o seu mando é o subdirector xeral Enrique Prado Cueva. 

Ao igual que a directora xeral, Prado Cueva provén da inspección educativa e é unha persoa cunhas firmes conviccións ideolóxicas puramente reaccionarias, ultraespañolistas, contrarias ao marco autonómico actual e a todo o que considera como  “progresismo” e nacionalismo, tanto no aspecto das ideas políticas como no que el entende como progresismo “antipedagóxico”. En moitos dos artigos publicados poden atoparse críticas ao actual marco competencial con descualificacións para quen non pensa coma el. Non é de estrañar que nese fundamentalismo do que fai gala non se lle pasase pola cabeza citar nas instrucións ningunha lexislación recente como a LOE ou a LOMLOE, entre outras, dado que aborrece profundamente dunhas normas que fan perder o control ao Estado, que apostan pola inclusión educativa, pola memoria democrática, polo mínimo control na elección da dirección dos centros públicos ou pola perspectiva de xénero e polo respecto á liberdade de orientación e identidade sexual. 

O longo mostrario das posicións ideolóxicas deste cargo político continúan coa aposta pola ilegalización de partidos independentistas e nacionalistas, as loas a VOX como único partido que defende con claridade a “nación española” e as críticas á propia Consellaría na que el agora é un alto cargo por ter unha proba de galego nas oposición docentes para quen non ten acreditado o seu coñecemento (cando foi o propio goberno do PP o que, sen retirar esta proba, eliminou a obriga de presentar a programación didáctica na nosa lingua). Non se esquece do estudantado, que non merece ter dereito á folga, ou do profesorado, “una nueva clase ociosa de funcionarios que nunca despertará de su sueño dogmático hasta el día en que, de verdad, vea peligrar su trabajo y sus privilegios”. 

A CIG-Ensino fai público un documento con extractos literais de diferentes artigos publicados entre os anos 2010 e 2020 por Enrique Prado Cueva. No propio documento pode accederse á web na que aparecen integramente todos e cada un deles. 

Dimisión ou cese: non se pode tolerar a intolerancia 

O subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo non pode continuar un minuto máis cunha responsabilidade como a que lle foi asignada. Non se pode permitir que a persoa responsábel da coordinación das inspeccións provinciais e de controlar a marcha da educación neste país sexa unha persoa cuxa ideoloxía é incompatible coa defensa do ensino público galego. Se non é cesado por quen o puxo onde está estaremos diante dun apoio aos postulados que defende, o que agrava aínda máis a situación. 

A CIG-Ensino exixe que se tomen medidas con carácter inmediato e que sexan cesadas dos seus cargos a persoa ou persoas que dean respaldo a un pensamento tan reaccionario como o que se atopa, con todo luxo de detalles, nos escritos deste cargo político, comezando por el propio e por quen por riba del lle dea cobertura. 

Con máis motivo, o sindicato reitera a súa exixencia de retirada das instrucións para o próximo curso escolar e a convocatoria dunha reunión da Mesa Sectorial para negociar unha nova normativa co resto de asuntos incluídos nestas e na que consideramos que debe acudir o propio conselleiro para dar explicacións.

Volver