A Consellaría de Educación recibe o novo funcionariado incumprindo a legalidade en materia lingüística e deturpando a toponimia
As novas mestra e mestres que superaron o último proceso selectivo recibiron un correo con instrucións redactadas unicamente en castelán con mención á “provincia de La Coruña”
A Consellaría de Educación enviou un correo no mes de agosto dirixido ao funcionariado en prácticas que non traballara no ensino con anterioridade ao curso 2025/2026 da provincia da Coruña con instrucións relativas á documentación que debía entregar para a toma de posesión. O texto estaba unicamente en castelán, sen posibilidade de acceso a unha versión en lingua galega, e incluía formas deturpadoras da toponimia, como La Coruña. Esta semana nas xornadas de propaganda institucional que celebrou o departamento de Román Rodríguez para este colectivo, de novo algúns dos seus cargos empregaron o castelán malia que a Lei de Normalización Linguística estabelece claramente que "o galego é o idioma oficial das institucións da Comunidade Autónoma de Galiza".
Para a CIG-Ensino, lonxe de estarmos diante dun feito illado ou dun desleixo que coubera considerar como puntual, estamos diante dun claro exemplo do que representa a lingua galega para unha Consellaría que aproveita a menor ocasión para incumprir e encoller todas aquelas medidas e usos consolidados que poidan contribuír a darlle presenza ao noso idioma, ignorando o mandato constitucional que encomenda un “respecto e protección” por parte dos poderes públicos do que a Consellaría se desentende.
O galego é a única lingua propia de Galiza e debe ser a lingua de “uso normal” polas institucións públicas galegas, segundo establece unha legalidade que a Consellaría incumpre cada vez con maior frecuencia ao tempo que publicamente mantén un discurso hipócrita no que frecuentemente menciona un cumprimento da legalidade que se comproba falso. Na mesma xornada de benvida celebrada esta semana para o funcionariado en prácticas, na Cidade da Cultura, varios altos cargos da Consellaría fixeron a súa intervención exclusivamente en castelán, entre eles o subdirector xeral de Avaliación e Inspección Educativa de quen a CIG-Ensino pediu o seu cese ou dimisión polas súas opinións ultradereitistas. Este feito engádese a moitos outros exemplos. Cada vez é máis habitual que nas Mesas Sectoriais e outros órganos de negociación coa administración, así como nas comisións de seguimento ás que a Consellaría convoca ás organizacións sindicais os cargos públicos nin sequera manteñan o uso ritual do galego. O último exemplo é a comisión para avaliar as licenzas por formación non retribuídas na que nin unha soa persoa das sete persoas que representaban a administración se expresou no noso idioma.
A CIG-Ensino rexeita unha vez máis esta hostilidade coa protección da lingua á que se debe a administración galega tal e como se recolle no artigo 4 da Lei de Normalización Lingüística que indica claramente que “o galego é a lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma”.
Fomento da sanidade privada
Alén do tema da lingua, na xornada de benvida ao profesorado que aprobou as oposicións de Secundaria e FP celebrada onte, o secretario xeral técnico da Consellaría fixo un alegato da sanidade privada e cualificou de afortunado a este colectivo por poder escollela. A Consellaría de Educación pide neutralidade ideolóxica nas aulas ao profesorado por un lado e adoutrina nos actos supostamente institucionais ao persoal docente coa súa ideoloxía ultraliberal.
Novas relacionadas