A Consellaría de Educación publica, sen pasar pola mesa sectorial, como é obriga, a convocatoria do PIALE para o ano 2024

A CIG-Ensino esixe á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa que anule a convocatoria e a negocie na mesa sectorial

Rectificación da Consellaría.
Despois da denuncia da CIG-Ensino a Consellaría comunica as súas desculpas por ter publicado a orde de convocatoria do PIALE sen ter pasado a mesma pola mesa sectorial e comunica a convocatoria inminente da mesa para o vindeiro martes. Comprometéndose a aceptar achegas á orde publicada.

Podedes enviarnos a vosas achegas a galiza@cig-ensino.gal

Hoxe, 27 de febreiro de 2024, atopámonos no DOG, coa ORDE do 30 de xaneiro de 2024 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para o ano 2024, orde que é preceptiva pase pola mesa sectorial do persoal docente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e non pasou.

A situación de indefensión do profesorado é aínda máis grave se temos en conta que nos últimos anos tanto o profesorado que participou nestes programas como a CIG-Ensino teñen denunciado irregularidades graves no funcionamento do programa.

Por falar só de dúas situacións, a primeira, na que docentes que participaron no PIALE en Francia no ano 2023 redactan nun escrito presentado ante a Consellaría, e que a CIG-Ensino entregou en mesa sectorial o 14 de novembro de 2023, con irregularidades no PIALE tales como a descoordinación total da viaxe e problemas co aloxamento e as dietas con variación durante a propia estadía para rematar con problemas no propio programa docente e o seu material. Unha segunda queixa parte de profesorado en Canadá, no que trasladaron que tiñan un código de vestimenta nos centros que obrigou ao profesorado a un gasto innecesario (calzado, roupa) porque ao chegar aos centros non se lles requiriu. Tamén neste estadía en Canada houbo cambios de familias acolledoras ou de compartición obrigada de vivenda con profesorado galego, co cal se incumpría o obxectivo dunha inmersión en familias sen compartir residencia co resto do profesorado. Houbo tamén docentes que chegaron a centros educativos que non sabían da súa chegada ou que non eran centros de infantil e primaria senón academias.

Por todo o citado e cara a poder presentar todas as alegacións necesarias para mellorar o programa a CIG-Ensino esixe á Consellaría, nomeadamente á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa que anule a convocatoria e a negocie na mesa sectorial para unha posterior publicación. En todo caso, o sindicato reclama que a dirección xeral renda contas das queixas presentadas e das medidas que ten pensado adoptar para que non se volvan repetir incidencias tan graves.

Información de participación no PIALE

 

ORDE do 30 de xaneiro de 2024 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para o ano 2024 . Ligazón

O prazo para a presentación de solicitudes será do 28 de febreiro até o 19 de marzo. 

Toda a información sobre a participación no PIALE

Volver