A Consellaría de Educación pretende concertar novas unidades nun centro que está a segregar alumnado por razón de xénero mentres recorta no ensino público

Este é o modelo educativo do PP e a CIG-Ensino vaino seguir denunciando e desenmascarando

Para a CIG-Ensino, é escandaloso que, mentres o Conselleiro non ten máis remedio que admitir que reduciu o profesorado no ensino público, coas conseguintes consecuencias, entre outras, de redución de unidades, ao mesmo tempo autorice, pola calada, pois nada di publicamente nos medios de comunicación, a posibilidade de incrementar os orzamentos para a privada.

No DOG do pasado 11 de outubro, a Consellaría de Educación publicou a autorización de novas unidades para o colexio Montespiño da Coruña. En concreto 2 de Infantil e 6 de Primaria, acadando así 12 de Infantil e 12 de Primaria. Esta autorización significa que este centro vai poder solicitar un novo concerto educativo de cara ao curso que vén, un concerto que podería significar que este centro duplique o número de unidade de Educación Primaria, que xa ten concertadas na actualidade, é así pasar de 313490,28€ a 627000€ de dotación de fondos públicos.

Para a CIG-Ensino, é escandaloso que, mentres o Conselleiro non ten máis remedio que admitir que reduciu o profesorado no ensino público, coas conseguintes consecuencias, entre outras, de redución de unidades, ao mesmo tempo autorice, pola calada, pois nada di publicamente nos medios de comunicación, a posibilidade de incrementar os orzamentos para a privada.

Como é posíbel que soamente haxa que “optimizar os recursos”, como di o Conselleiro, no ensino público? A que obedece que si se poidan seguir incrementando os concertos na privada? Evidentemente a que esa é a directriz desta Consellaría, isto é, favorecer o privado en detrimento do público, e así, no breve espazo de tempo que vai entre o final do curso pasado e este mes de outubro, meteron a tesoira en profundidade na pública, mais incrementaron o número de concertos en agosto, logo enviaron unha subvención de 220.000 euros para 66 centros privados xa concertados e agora autorizan novas unidades nun centro que segrega o alumnado, que é o paso previo á solicitude de concerto por parte dese centro.

E a que tipo de centros lle autoriza a ampliación de unidades ou os concertos a Consellaría? Na orde de agosto comprobabamos como se concertaba un centro en Ourense, claramente innecesario, que supuxo que non se crease a unidade de Infantil comprometida co colexio Ben-Cho-Sei. Un concerto nun centro en que, segundo a Directora afirmaba publicamente, sen pórse rubia, non se admite calquera alumno/a, pois teñen un ideario moral e relixioso moi claro.

Agora, na Coruña, o colexio Montespiño, un deses centros que segregan o alumnado por xénero e que está vinculado ao Opus Dei, vese premiado con novas unidades autorizadas. É un centro que recibiu fondos públicos a través do programa Abalar e tamén do de centros Plurilingües, sendo un deses centros en que se imparte a materia de coñecemento do medio en inglés, sen que nos conste que a Consellaría comprobase se o seu Proxecto Lingüístico de Centro prevé a impartición en galego doutras materias. Como vemos, un exemplo ideolóxico do que defende o PP: ensino segregado, confesional e antigalego.

A autorización de unidades que posteriormente serán concertadas en centros con idearios segregacionistas, mentres non se cobren substitucións nos centros públicos e non se atende a necesidade de profesorado que demandan os centros públicos –hai máis 1.000 profesores/as menos que o curso pasado-, evidencia que a única preocupación seria que ten esta Consellaría é fornecer a privada e destruír o ensino público.

Este é o modelo educativo do PP e a CIG-Ensino vaino seguir denunciando e desenmascarando.

Volver