A Consellaría de Educación non fará contratacións a partir do 7 de xuño

Haberá alumnado que estará sen profesorado durante, como mínimo, os últimos quince días de curso, nun novo exemplo de como Educación desatende o ensino público

Despois de numerosas chamadas de centros educativos onde se lle comunicaba á CIG-Ensino que as baixas ían deixar de cubrirse o sindicato púxose en contacto coa Consellaría e recibiu a confirmación de  que non se cubrirían as baixas a partir do 7 de xuño.

Desde a CIG-Ensino denunciamos esta situación e solicitamos que de inmediato se corrixa esa decisión e se cubran todas as baixas até final de curso.

A decisión de non contratar docentes substitutos neste final de curso é unha nova mostra da práctica habitual da Consellaría, como é o feito de non se cubran todas as baixas ao longo do curso -só as de máis de 15 días- ou de que se produzan borrados sistemáticos de baixas no listado que colgan os centros, evitando o control sindical e a transparencia para as persoas que forman parte deses listados. Agora vemos como se pon data de fin ao contrato de substitucións. 

Desde a CIG-Ensino recordamos que as avaliacións en Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria e Bacharelato, así como as extraordinarias de 2º de Bacharelato son posteriores ao 7 de xuño. Sendo isto así, a Consellaría opta por sobrecargar de traballo a quen está no centro no canto de contratar docentes substitutos, mesmo poñendo en apuros a avaliación do alumnado.

A xestión das listas de substitucións do persoal docente da Consellaría de Educación está chegando a situacións límite, tanto na improvisación e atrancos para o control dos listados como no borrado e non substitución do persoal de baixa polo que o sindicato solicita que de inmediato se retire a orde de non cubrir vacantes a partir do 7 de xuño, garantido deste xeito o dereito de todo o alumando a ter o profesorado que precisa así como o dereito do actual profesorado a non se ver castigado con máis funcións das que pode soportar nun momento do curso que, como sempre no seu final, é especialmente intenso.

 

Volver