A Consellaría de Educación insulta á comunidade educativa de Curtis e envía a Inspección Educativa para presionar ao profesorado

Conflito polo peche do ciclo formativo no IES de Curtis

Nestes días pasados o Director Xeral de FP, José Luís Mira Lema, xustificou o peche dun ciclo formativo en Curtis porque “a administración non está disposta a perder tempo e cartos nestes individuos que ca súa traxectoria e antecedentes non son aproveitables para a sociedade” segundo sinalan os propios asistentes a unha reunión co Director Xeral, dando mostras non xa simplemente dunha arrogancia e falta de respecto aos que nos ten acostumado o Sr. Mira, senón dunha concepción antidemocrática, clasista e impropia non só dun cargo da Consellaría de Educación, senón de calquera docente ou inspector, como é o caso deste Director Xeral.

Nestes días o inspector do centro, Eduardo Fernández, presentouse no IES de Curtis e citou nun despacho do equipo directivo, en presenza do secretario do centro, aos tres profesores que imparten o Ciclo Formativo que agora a Consellaría decidiu pechar. O procedemento usado pola inspector do centro é absolutamente irregular e atenta contra as normas de actuación da inspección educativa e a propia dignidade do profesorado. Sen que se lles comunicara previamente cal era a razón da citación, nin se lles dera trámite para poder exercer os seus dereitos de tutela efectiva, o inspector pretendeu coaccionar ao profesorado instándoos a asinar un escrito coas notas que el fora tomando da declaración feita polos docentes, como se dun interrogatorio policial se tratase. Ante a negativa dos docentes  a asinar ningún tipo de documento o inspector chegou a ameazar aos profesores dicíndolles que se ativese ás consecuencias se optaban por non asinar.

 

Esta actuación do inspector do centro é contraria á norma, supón un abuso de poder e indica claramente cal é a estratexia da Consellaría de Educación para solventar os múltiples conflitos abertos pola súa política de recortes no ensino público: ningunear aos pais e nais, insultar ao alumnado e pretender amedrentar ao profesorado.

 

Desde a CIG-Ensino denunciamos publicamente estes feitos, apoiamos decididamente o profesorado, o estudantado e as familias do IES de Curtis e anunciamos que tomaremos as medidas oportunas para que se aclare a actuación do inspector do centro, instando á Xefa Territorial da Coruña, Teresa Villaverde, a que se pronuncie ao respecto desta actuación e asuma a investigación pertinente sobre a actuación do inspector, aclarando se se trata dunha intervención por conta propia do inspector ou responde a unha consigna dos responsábeis políticos da Consellaría.

Volver