A Consellaría de Educación exclúe o galego na súa propaganda para promocionar unha suposta gratuidade dos libros de textos que é unha mentira clamorosa
Galegofobia da Consellaría
A CIG-Ensino denuncia publicamente esta actitude galegófoba e este dispendio de diñeiro público que debería ser invertido en manter unha prestación que fora unha conquista social e que repercutiría beneficiosamente nas economías familiares no actual contexto de crise económica.
A Consellaría de Educación exclúe o galego na súa propaganda para promocionar unha suposta gratuidade dos libros de textos que é unha mentira clamorosa
A Consellaría de Educación acaba de demostrar, unha vez máis, a persecución contra o noso idioma ao excluílo das cuñas publicitarias fraudulentas realizadas nalgúns medios radiofónicos. A Consellaría de Educación presidida por Jesús Vázquez non ten reparo en pagar con diñeiro público autopropaganda feita en español, deixando ben clara cal é a súa posición sobre o uso e a normalización do noso idioma, como puideron comprobar os oíntes galegos ao longo destes días.
Con esta actitude a Consellaría persiste na súa política de exterminio e marxinación da nosa lingua, contrariando a letra e o espírito de toda a lexislación galega de promoción e difusión do idioma propio. Lembremos que o español xa se utiliza nunha porcentaxe desmedida e exclusiva na maioría dos medios de comunicación e na publicidade. Este comportamento da Consellaría de Educación supón un paso máis deste goberno galegofóbico para lograr o seu obxectivo de exterminar a nosa lingua.
Ademais, isto resulta aínda máis grave cando se emprega para iso unha grande cantidade de diñeiro público que é o resultante dos recortes que se están a facer en prestacións sociais de grande calado que existían no sistema educativo como era a gratuidade dos libros de textos que botara a andar o goberno anterior. É un insulto á cidadanía que se retire dita gratuidade co argumento da falta de fondos e se empregue un grande capital nunha inmensa campaña de propaganda para difundir a mensaxe falsa de que esa gratuidade segue a existir. Semellante mentira non conseguen que sexa crida xa por ninguén e moito menos polos pais que se atopan de fuciños coa realidade de ter que desembolsar unha importante suma para mercar ditos libros de texto. O único para o que serve esta propaganda é para promocionar, máis unha vez, a exclusión da lingua galega de espazos que tiña conquistados para o cal este goberno ten demostrado que non escatima recursos económicos.
A falacia do aforro do diñeiro público coa que o PP nos pretende convencer, queda en evidencia ao comprobarmos os grandes gastos en propaganda, non só nas anteditas cuñas publicitarias, senón tamén en cartas individualizadas ás familias, para as convencer do ben que fan as cousas, ou en cambiar toda a rotulación das Galescolas só unha semana despois de presentada a imaxe da Galiña Azul e cando se asegurou que ese cambio de imaxe non supoñería gastos adicionais.
A CIG-Ensino denuncia publicamente esta actitude galegófoba e este dispendio de diñeiro público que debería ser invertido en manter unha prestación que fora unha conquista social e que repercutiría beneficiosamente nas economías familiares no actual contexto de crise económica.