A Consellaría de Educación elimina 53 vacantes definitivas do concurso de traslados de Mestres

Concurso de traslados de Mestres

A Consellaría de Educación vén de publicar no DOG de hoxe, 4 de xuño, como corrección de erros, unha modificación substancial das vacantes definitivas do concurso de traslados de mestres. Nesta publicación, elimínanse 53 vacantes definitivas que hai tan só vinte días, o 13 de maio, foron publicadas formando parte da relación definitiva de vacantes, resultado das reclamacións dos centros e da negociación nas Xuntas de Persoal da relación provisional publicada o 15 de decembro de 2008.
 

 

NOTA DE PRENSA

A Consellaría de Educación elimina 53 vacantes do concurso de traslados de Mestres que foran publicadas como definitivas hai soamente vinte días.

A Consellaría de Educación vén de publicar no DOG de hoxe, 4 de xuño, como corrección de erros, unha modificación substancial das vacantes definitivas do concurso de traslados de mestres. Nesta publicación, elimínanse 53 vacantes definitivas que hai tan só vinte días, o 13 de maio, foron publicadas formando parte da relación definitiva de vacantes, resultado das reclamacións dos centros e da negociación nas Xuntas de Persoal da relación provisional publicada o 15 de decembro de 2008.

Deste xeito, a Consellaría pretende ocultar, a través dunha corrección de erros, a eliminación unilateral de vacantes, fóra de prazo, vulnerando as negociacións realizadas nas Xuntas de Persoal e desatendendo reclamacións dos centros realizadas con base nas necesidades pedagóxicas de cara ao vindeiro curso. Esta actitude é un claro desprezo ás lexítimas canles de negociación e deixa clara cal é política desta Consellaría, unha política educativa baseada en criterios exclusivamente economicistas que non teñen en conta as peculiaridades dos centros nin pensan na calidade do ensino e que, neste momento, se concretan na redución de unidades, que poden comportar a supresión de profesorado ou a non colocación de profesorado interino que viña traballando desde hai tempo.

Como exemplo nos centros CEIP Princesa de España (Verín), CEIP Conmeniño (O Grove), CEIP Pino de Val (Mazaricos), CEIP Santa Irene (Porto do Son) elimínanse 2 prazas da especialidade de Primaria. Outros centros nos que se eliminan 2 vacantes son CEIP Virxe do Corpiño (Begonte), CEIP Manuel Sueiro (Ourense) e CEIP Alfonso VII (Caldas de Reis). As vacantes definitivas que se eliminan son maioritariamente da especialidade de Primaria (43 de 53).

Desde a CIG-Ensino, esixiremos que estas supresións de vacantes non afecten ao cumprimento do acordo de 8 de xuño sobre horario lectivo do profesorado e cadros de persoal, que ten que cumprirse en todos os seus puntos neste mes de setembro de 2009.

Insistimos, tamén, en que calquera modificación que se pretenda facer de unidades e dos cadros de persoal dos centros debe negociarse previamente co propio centro, tendo en conta criterios pedagóxicos e non economicistas, as necesidades educativas, as necesidades de reforzo e apoio educativo, etc.

Santiago, 4 de xuño de 2009

Secretaría de prensa da CIG-Ensino


__________________________________________________________________________________________________________________
Cadro comparativo feito pola CIG (comparando DOG do 13 de maio e o DOG 4 de xuño). Ligazón
Accede á modificación de vacantes definitivas (DOG 4-6-09)
Accede á publicación anterior de vacantes definitivas (DOG 13-5-09)
Accede a toda a información do concurso de traslados na nosa páxina.Ligazón

Volver