
A Consellaría de Educación demostra unha vez máis a súa prepotencia
Publica a orde de horarios do profesorado sen que o Conselleiro reciba aos representantes do profesorado
Temos que cualificar como prepotente, autoritario e ditatorial o proceder do Conselleiro, pois adopta esta medida despois de comprobar o absoluto rexeitamento do profesorado á modificación das súas condicións de traballo de xeito unilateral por parte da Administración, cunha manifestación multitudinaria. En todo caso, queremos lembrarlle ao Conselleiro que, en contra do que manifestou publicamente, o profesorado que non estivo presente na manifestación rexeita igualmente esta medida, mais debía permanecer nos centros para realizar labores imprescindíbeis relacionados coa entrega de notas e o final de curso.
A actitude de Educación é unha verdadeira provocación contra o profesorado, ao manifestar unha vez máis o seu desprezo polo persoal docente e os seus lexítimos representantes.
Reclamamos, polo tanto, un cambio de actitude da Consellaría e o fin da imposición reiterada de medidas contrarias ao profesorado e ao alumnado e que están a incidir no seu desprestixio.
Ao
Presidente da Xunta de Galiza que nos pide responsabilidade
respondémoslle que os únicos que demostraron responsabilidade até
o de agora foron os docentes e os seus representantes, non o goberno
da Xunta que teima en desmantelar o ensino público, prexudicando así
o conxunto da sociedade.
O profesorado galego esixe unha rectificación ás continuas agresións que vimos padecendo, aos recortes permanentes no ensino público, á redución da calidade do ensino, concretada na imposibilidade de facer fronte a atención á diversidade, ao reforzo educativo, ás diferentes dinamizacións, etc
E lembramos que, se a Consellaría non muda de actitude, seguiremos adiante co calendario de mobilizacións previsto:
Manifestación o 9 de setembro, en Santiago de Compostela.
Paro de 10 a 10:30 horas en todos os centros educativos de Infantil, Primaria e Secundaria, o 20 de setembro.
Calendario de folgas que se iniciarán en setembro, os días 21 e o 27, acompañadas das mobilización oportunas.
Ligazón coa orde de horarios
* Achegamos tamén diversas propostas de protesta que se están a levar a cabo como é a carta de resposta á que o Conselleiro nos remitiu (que se pode enviar a gabinete.educacion@edu.xunta.es), ou as calificacións que nos enviou un centro valorando ao Conselleiro.
Novas relacionadas