
A Consellaría de Educación continúa coa súa política de supresión de unidades en Centros Públicos
Supresión de Unidades
Desde a CIG-Ensino seguiremos denunciando esta situación de favoritismo co ensino privado en detrimento do ensino público e reclamaremos as unidades que a Consellaría teima en suprimir, malia estar demostrada a súa necesidade e que contan con alumnado suficiente.
A CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN CONTINÚA COA SÚA POLÍTICA DE SUPRESIÓN DE UNIDADES EN CENTROS PÚBLICOS
A Consellaría de Educación aproveitou as vacacións estivais para publicar o novo cadro de persoal dos centros de infantil e primaria e a modificación dos concertos educativos.
Mediante a publicación desta orde amais de suprimir, tal e como xa denunciamos, 19 centros educativos públicos, a Consellaría dá un novo golpe ao ensino público e á súa calidade ao suprimir 79 unidades, 23 de Infantil e 56 de Primaria, o que suporá 108 profesores menos (achegamos cadro).
A Consellaría concede ao ensino privado concertado 18 novos concertos educativos, subvencionados totalmente, 9 de ciclos formativos de grao medio e 1 de grao superior, 3 novas unidades de Educación especial, 3 en Educación infantil e 2 unidades de Educación primaria, algunhas en localidades en que xa o ano pasado se suprimiron unidades na pública.
A Consellaría de Educación non só ten a descaro de continuar subvencionando totalmente os centros que segregan alumnado por razón de sexo (o CPR As Acacias, o CPR Monte Castelao, CPR Montespiño, CPR Peñarredonda e CPR Aloya) contra o que a CIG-Ensino ten presentado recurso perante os tribunais, senón que concede novos concertos como o que lle concedeu ao centro Aloya de Vigo que neste caso é para un ciclo superior de F.P.
É dicir, estamos ante unha Consellaría que planifica e usa o diñeiro público para promover o ensino privado concertado e reducir o profesorado no ensino público, por iso se subvencionan 18 novas unidades aos centros privados e se suprimen 80 no ensino público que se suman ás supresións realizadas en anos anteriores e que dan lugar a que haxa centros que non contan co profesorado suficiente para atender o alumnado.
Desde a CIG-Ensino seguiremos denunciando esta situación de favoritismo co ensino privado en detrimento do ensino público e reclamaremos as unidades que a Consellaría teima en suprimir, malia estar demostrada a súa necesidade e que contan con alumnado suficiente.
PROVINCIA | Redución Unidades Infantil | Redución Unidades Primaria | modificacións totais de unidades | modificacións totais de postos de traballo |
A CORUÑA | -7 | -25 | -32 | -40 |
OURENSE | 1 | -8 | -9 | -22 |
LUGO | -3 | -10 | -13 | -17 |
PONTEVEDRA | -12 | -13 | -25 | -29 |
TOTAIS | -23 | -56 | -79 | -108 |