A Consellaría de Educación aproveita o concurso xeral de traslados do profesorado para amortizar prazas nos centros educativos
A CIG-Ensino exixe que saian a concurso todas as vacantes que neste momento está creadas, funcionando e non cubertas por profesorado definitivo
O alto número de participantes e a ausencia de convocatoria de CXT no curso pasado non lle parece suficiente motivo á Consellaría para que oferte nesta convocatoria todas as vacantes existentes, nomeadamente as producidas por xubilación e as cubertas por profesorado provisional. A intención da Consellaría, ao non ofertar todas as prazas, non é outra que amortizar parte delas no futuro e ter un colectivo importante de profesorado provisional que lle sirva de comodín e que cada curso coloca ao seu antollo, asignándolle moitas veces prazas con máis dunha afín.
Para a CIG-Ensino, este proceder é totalmente inadmisíbel, xa que comportaría reducir os xa cativos cadros de persoal dos centros, despois da redución de 3.000 docentes desde o ano 2010, acrecentando a provisionalidade e a inestabilidade do profesorado dos centros. Hoxe xa o 20% do profesorado dos centros non ten destino definitivo.
Temos tamén que denunciar a ausencia de negociación real, habitual nas xefaturas territoriais da Coruña e Pontevedra, xa que até agora só se limitaron a facilitar a listaxe das vacantes provisionais que teñen previsto sacar a concurso, das cales desapareceron centos de vacantes actuais, sen facilitar ningunha xustificación razoada do porqué de non as ofertar.
Atendendo aos propios datos da Consellaría, desde o último concurso xeral de traslados poducíronse en Galiza 1.948 xubilacións, cando a Consellaría está ofertando só 1372 vacantes. É dicir, a Consellaría non cobre 576 prazas correspondentes ás xubilacións, como podemos ver no seguinte cadro:
|
Xubilacións |
Vacantes ofertadas |
Vacantes sen ofertar |
Coruña |
809 |
551 |
258 |
Lugo |
280 |
147 |
133 |
Ourense |
104 |
86 |
18 |
Pontevedra |
755 |
588 |
167 |
Total |
1948 |
1372 |
576 |
A estas vacantes producidas por xubilación non ofertadas hailles que sumar as vacantes que neste momento están creadas e cubertas con profesorado provisional, o que supón que un amplo colectivo de profesorado provisional se vexa obrigado cada ano a cambiar de destino.
A CIG-Ensino exixe que saian a concurso todas as vacantes que neste momento está creadas, funcionando e non cubertas por profesorado definitivo, nomeadamente na provincia da Coruña e Pontevedra, única maneira de estabilizar os cadros de persoal dos centros, de facilitar o desenvolvemento de diferentes programas e de mellorar a calidade do ensino.