A Consellaría de Educación abandona o profesorado da comarca da Coruña que se ve desbordado pola falta de medios para atender casos complexos de alumnado NEE
Existen graves carencias nos CEIP Concepción Arenal, Alborada, María Barbeito e Sagrada Familia da Coruña, no CPI Castro Baxoi, no CEIP Luís Seoane, no CEIP Ponte dos Brozos e no CEIP San Marcos
Desde hai xa varios anos na a CIG-Ensino vimos denunciando que as políticas da Xunta do PP, de promoción do ensino privado e abandono progresivo do público, están abocando a situacións límite en moitos centros que non contan nin cos medios nin coa dotación mínima para garantir a resposta educativa en contextos de atención ao alumnado de necesidades educativas especiais.
Os recortes que levamos padecendo provocan unha sobrecarga no profesorado que se ve obrigado a afrontar situacións de enorme complexidade sen persoal auxiliar coidador espcializado nin persoal especialista de PT e AL, nin persoal orientador nin do EOE suficiente que axilice as valoracións e o acompañamento ás familias e ao alumnado nin, por suposto, persoal docente en xeral para realizar apoios e desdobres que permitan a integración do alumnado NEE na aula.
Son moitos os centros que nos trasladan que a propaganda que a Consellaría proxecta cando fala de educación inclusiva é só unha pantalla para disfrazar a falta de recursos para atender casos gravísimos que provocan a alteración diaria do seu traballo, desprazando a función educativa dos centros cara a asistencial. Así pasa no CEIP Concepción Arenal, no CEIP Alborada, no María Barbeito, no CEIP Sagrada Familia (todos da Coruña), no CPI Castro Baxoi (Miño), no CEIP Luís Seoane (Oleiros), no CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), no CEIP San Marcos (Abegondo)... En todos eles teñen escolarizados casos tan complexos que requirirían dunha atención que a Consellaría non está facilitando, e que lle foi trasladada polos equipos directivos reiteradamente a través do servizo de inspección. Este abandono provoca que se vexa prexudicado xa non só o propio alumnado afectado -que non recibe a atención adecuada- senón o resto do alumnado do centro, ademais do propio profesorado.

