A Consellaría de Educación á dianteira nos recortes e á cola na restitución de dereitos ao seu persoal docente

Representantes sindicais concentráronse esta mañá e despregaron unha faixa desde o interior da Consellaría de Educación que foi rapidamente retirada pola seguridade de San Caetano.

A CIG-Ensino non parará de reivindicar a apertura de negociacións para devolverlle o horario lectivo ao profesorado galego (as 18 horas máximas semanais en Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial e as 21 en Primaria e Infantil) que permitiría unha mellor atención educativa, facer desdobres, reforzos e apoios, ademais de recuperar de forma paulatina os 3.000 postos de traballo perdidos desde os recortes da chegada de Feijóo ao poder.

Seguindo coa acción sindical deste comezo de curso, representantes da CIG-Ensino volveron concentrarse hoxe diante da Consellaría de Educación para expoñer as principais reivindicacións do profesorado galego que pasan pola recuperación do horario lectivo recortado por Feijóo ao inicio da crise e que noutras seis comunidades xa foi restituído. “Galiza foi á dianteira nos recortes e agora estamos á cola na devolución dos dereitos roubados”, indicou o secretario nacional do sindicato maioritario no ensino público galego, Suso Bermello quen insistiu que a volta aos 18 períodos lectivos máximos en Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial e aos 21 en Primaria e Infantil redundaría nunha mellora da calidade educativa porque o profesorado podería dedicar o seu tempo ao realmente importante, a preparación das clases, ademais de poder ter unha atención máis individualizada naqueles centros con aulas masificadas ou no caso de existir alumnado con NEAE (necesidades específicas de atención educativa).

Igualmente, esta decisión tería un efecto inmediato no aumento de postos de traballo e na redución de profesorado que imparte materias afíns, que nestes momentos acada cifras escandalosas. “Máis da metade do profesorado que obtivo destino provisional este curso vai impartir materias ou ámbitos que non son os da súa especialidade”, indicou Bermello. 

A diminución de ratios e das itinerancias e a perda de postos de traballo ou o aumento da precariedade para o persoal interino e substituto son outros dos asuntos relevantes que deberían protagonizar a Mesa Sectorial de Educación, un órgano que a Consellaría está a baleirar de contido converténdoa nun mero altofalante das normas e dos trámites ordinarios da súa xestión.

Varios representantes sindicais da CIG-Ensino aproveitaron para despregar unha faixa reivindicativa desde a parte alta do edificio administrativo da Consellaría coa reivindicación do horario lectivo que foi rapidamente retirada pola seguridade de San Caetano.

CIG Informa sobre a campaña de recuperación das 18-21 horas de inicio de curso

Documento


Volver