A Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de anunciar por fax a suspensión de parte do contrato de verán do persoal substituto

Ante este novo ataque ao ensino público, a CIG-Ensino chama ao profesorado a mobilizarse

Vimos de recibir, hoxe mércores 27 de xuño ás 18.30 h, unha comunicación da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria onde se anuncia a suspensión do dereito de nomeamento nos meses de xullo e agosto para o persoal docente substituto que teña prestado servizos á administración durante polo menos cinco meses e medio durante o curso 2011-12. Esta suspensión exténdese tamén ao próximo curso 2012-13.

É inaceptable que a Consellaría agarde ata unha data tan avanzada do curso académico para anunciar unha medida tan dura para o profesorado substituto. Trátase dunha evidencia máis do desprezo que esta Consellaría ten polo ensino público e polos seus traballadores.

Ante a gravidade desta noticia, a CIG-ENSINO fai un chamamento a todo o profesorado afectado para que participe nunha concentración co obxecto de que o Conselleiro retire esta circular, que non pasou pola mesa sectorial (órgano de negociación onde deben ser tratados todo os asuntos que teñen que ver co profesorado) da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza (Edificio Administrativo San Caetano sn, Santiago de Compostela) este venres 29 de xuño ás 11.30 h.

Volver