A Consellaría continúa desmantelando o ensino público no rural

O CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel e o CEIP de Baamonde son os centros afectados

Debido á nova licitación do transporte escolar, o alumnado do Courel pasaría no autobús preto dunha hora e, nalgún caso, superaría este tempo. En Baamonde, a Consellaría cerrará o centro de primaria para convertelo nun conservatorio.

Unha vez máis, a Consellaría de Educación, pon de manifesto o seu  desprezo polo rural galego e o descoñecemento da  súa relidade económica  e social. Isto faise patente con novas medidas que afectan a dous centros do rural, o CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel e o CEIP de Baamonde.

CPI Poeta Uxío Novoneyra

A Consellaría de Educación  pretende reorganizar  o transporte escolar do CPI Poeta Uxío Novoneira. Até o momento, o Servizo de Transporte  Escolar  deste centro estaba sendo realizado por  taxistas  da zona  que mercaron vehículos adaptados  para a prestación deste servizo, que  polo ámbito no que ten que desenvolverse, nunha zona de alta montaña, presenta  unhas características e requerimentos  específicos, en calquera caso moi diferentes  doutras zonas do territorio galego. Na nova contratación, a parte de reducir as rutas de 6 a 4, esíxeselle á empresa vehículos máis grandes, o que poderá ocasionar un desprazamento das paradas, pola súa dificultade de acceso, polo que todos estes cambios, se non se modifican, poderán implicar que o alumnado estea máis dunha hora no transporte escolar, excedendo polo tanto o tempo máximo establecido.

A esta contratación non poderán acceder os transportistas autónomos que realizan actualmente o servizo, polo que provocará unha perda económica non só para eles, senón tamén para todo o concello.

CEIP de Baamonde

Desde a alcaldía de Begonte anunciouse o peche do CEIP de Baamonde, unha escola que conta con preto de 30 nenos e nenas, que ocasionaría o desprazamento destes ao CEIP Virxe do Corpiño, en contra do que queren as familias e veciños da localidade.
Nesta decisión chama a atención o silencio da Consellaría de Educación que non se pronunciou ao respecto, sendo responsabilidade súa tal decisión, polo que entendemos que é cómplice neste novo ataque aos servizos públicos no rural.

Volver